A Xunta quere unha versión galega de Android

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Xunta de Galicia solicitou a Google a tradución ao galego do sistema operativo Android, baseado no software libre, co fin de que estea dispoñible nesta lingua para todos os cidadáns da comunidade con independencia do terminal que utilicen.



Así o anunciou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a presentación do Plan de Software Libre 2013 da Xunta, que conta cun investimento de 923.000 euros para desenvolver 120 actuacións de impulso ao software libre e código de fontes abertas (Floss) en Galicia, informa a Xunta nun comunicado.



Colaboran no desenvolvemento deste plan asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), empresas do sector (AGASOL), o consorcio de deseño de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), que integra as tres universidades, e o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG).



Durante a súa intervención, Pereira destacou que a finais de 2013 se dará a coñecer o resultado da análise "exhaustiva" que se está a realizar sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores de empregados da Administración Xeral, de maneira que se identificará o impacto económico deste cambio e as necesidades que require esta medida ante a elaboración do plan.


Xa se utiliza o software libre nos sistemas para a monitorización e control da infraestrutura no Centro de Proceso de Datos Integral na Cidade da Cultura, e está prevista a súa implantación no proxecto do Xeoportal de indicadores territoriais (Desourb) e no desenvolvemento de novas funcionalidades no sistema de licitación electrónica da Xunta (Silex), entre outros ámbitos como o educativo e de formación. No campo dos negocios, case o 74% das empresas utilizaban a finais de 2012 aplicacións libres, porcentaxe que aumenta ata o 82% no caso do sector TIC, destaca a Xunta.

(Fonte: Galiciae)