A Xunta publica licitacións por 7,2 millóns para solucións baseadas en drons

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou as cinco primeiras licitacións, por importe de 7,25 millóns de euros, para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras, baseadas en drons para mellorar os servizos públicos.

As contratacións enmárcanse no contexto do Polo Tecnolóxico e Industrial de avións non tripulados de Rozas e están financiadas con cargo a un convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEDER).

Segundo informa a Consellería de Economía, o contido xorde do proceso de consultas ao mercado realizado durante máis de un ano e no que interviñeron preto de 200 entidades, entre empresas, centros tecnolóxicos, centros de investigación e as consellerías da Xunta de Galicia.

Ás contratacións, que se licitan a través da modalidade de Compra Pública Innovadora, poderán presentarse entidades ou consorcios ata o 27 de setembro. Os pregos están dispoñibles nas webs de GAIN e da Civil UAVs Initiative. En setembro está prevista a celebración dunha xornada para explicar os pregos e facilitar a colaboración entre as entidades interesadas en participar.

A primeira das licitacións refírese a un xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAVs. O importe é de 450.000 euros, e ten por obxecto desenvolver unha plataforma para a xestión integral dos datos xeorreferenciados, co fin de ser accesibles de forma fácil polos distintos usuarios de aplicacións de produción de información xeográfica.

Relacionada con esta realízase a segunda licitación, que afecta á adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante drons, por importe de 1,5 millóns de euros. Con esta, perséguese o deseño e desenvolvemento dunha solución que permita elaborar e editar bases topográficas e cartográficas a partir dos datos que capturen os sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos, aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución permitirá acceder de forma rápida á información, que podería ser utilizada, por exemplo, para a planificación de infraestruturas ou hidrolóxica, inventario e catalogación de bens culturais, etc.

A terceira contratación, por importe de 1,3 millóns de euros, céntrase no seguimento das dinámicas de ocupación do chan e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados. O obxectivo é achegar unha solución que permita elaborar información sobre coberturas e usos do chan, así como un conxunto de ferramentas de apoio á planificación territorial a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución, informa a Xunta, permitirá optimizar a elaboración de insutrmentos de ordenación urbanística e territorial, o control da legalidade urbanística, a planificación de áreas empresariais ou agrarias, etc.

Reforzo da seguridade

A cuarta licitación está encamiñada ao reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento, co uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados. Trátase dunha licitación por 1,5 millóns de euros que prevé dotar á administración galega dun servizo mellorado que dea resposta, de forma conxunta, a dúas necesidades: a mellora da seguridade mediante un sistema de monitorización continua, e o seguimento da actividade pesqueira e de cumprimento das condicións establecidas.

Finalmente, por 2,5 millóns de euros, licítase a automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados, orientada ao deseño, desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita dotar aos organismos da administración galega dun servizo mellorado para a recollida de datos e baseados en novas tecnoloxías e en uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos. O obxectivo é triplo: abaratar os custos de monitorización da calidade das augas, a mellora da periodicidade da toma de mostras e datos e o incremento das posibilidades de realizar as actividades de control no mar cando as condicións meteorolóxicas son adversas.

(Fonte: EP)