A Xunta mobiliza máis de 50 millóns en unidades mixtas de innovación compartidas por grandes empresas e centros tecnolóxicos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, presentou hai uns días a segunda convocatoria en menos dun ano do programa de unidades mixtas da Xunta, que sumará unha mobilización de 50 millóns de euros en desenvolvementos innovadores de alto impacto.

Varela subliñou que o éxito da primeira edición do programa, convocada en xullo de 2014, así como o interese mostrado dende entón por numerosas empresas, impulsaron o Goberno galego a inxectar novos fondos nesta iniciativa sete meses despois da súa posta en marcha.

Este programa persegue un quíntuplo obxectivo: a captación de capital privado para I+D+i; a contratación de persoal cualificado na comunidade; a transferencia de coñecemento ao mercado galego para impulsar a competitividade e o emprego; a capacidade de entidades como os centros tecnolóxicos para autofinanciarse grazas á propiedade industrial desenvolvida nesta iniciativa; e o efecto tractor destes grupos de traballo a nivel local.

Varela apuntou que esta segunda convocatoria das unidades mixtas suma 9 millóns de euros en apoios, engadíndose aos preto de 7 millóns xa achegados pola Xunta para a primeira convocatoria. Ambas as dúas, grazas ao investimento público privado, sumarán 250 postos de traballo de alta cualificación.

A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de marzo, está aberta aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que acrediten captar o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. En canto ao resto dos requisitos, as unidades mixtas terán que ter entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias, e un presuposto mínimo de 2 millóns de euros.

A repartición do custo do proxecto estruturarase de acordo ao seguinte esquema: os apoios da Xunta prolongaranse durante tres anos e cubrirán o 30% do presuposto; pola súa banda, a empresa deberá achegar como mínimo o 40%, mentres que o organismo de investigación terá que completar o investimento cos seus fondos. O centro e a empresa non só traballarán nas liñas de investigación, senón que participarán de xeito conxunto dos resultados e da propiedade intelectual relativa a estes e á súa explotación.

Oito unidades de éxito

Varela fixo referencia ás primeiras oito unidades mixtas apoiadas pola Xunta dentro da primeira convocatoria, enmarcadas en sectores estratéxicos da economía galega e nas que participan empresas que son unha referencia nos  seus respectivos sectores.

O director de Gain apuntou que tres das unidades mixtas están a xerar avances no campo da automoción, estratéxico para Galicia. Neste sentido, destacou o bo traballo realizado ata agora por estas tres iniciativas: a que participa PSA xunto ao CTAG e o CIS Galicia, que está a investigar no ámbito das Interfaces Home-Máquina (IHM) ligadas coa condución autónoma; a que une ao Grupo Copo con Aimen, impulsando avances na fabricación de produtos espumados de poliuretano, orientados non só á automoción senón tamén ao naval; e a unidade na que o CTAG e BorgWarner traballan na redución de emisións contaminantes.

Máis alá da automoción, no campo da enerxía o programa de unidades mixtas ten iniciativas destacadas como a que une a EnergyLab e Gas Natural para desenvolver novos procesos, sistemas e servizos tecnolóxicos en relación co uso de gas natural e biometano, para mellorar a mobilidade marítima e agraria; e a que busca a optimización integral do proceso de produción dunha planta grazas ao traballo conxunto de Repsol e o ITMATI.

Por último, Varela referiuse ás iniciativas enmarcadas dentro deste programa, e que buscan impulsar a competitividade nos sectores sanitario e conserveiro. No primeiro deles, Everis e Gradiant están a xuntar esforzos na busca para mellorar os coidados socio-sanitarios, mentres que Laboratorios Esteve e a USC poñen o foco nos fármacos para o tratamento da dor crónica. E, no caso do sector conserveiro, Jealsa-Rianxeira e Anfaco-Cecopesca investigan na man para innovar na modernización da produción do mexillón de batea.

(Fonte: Xunta)