A Xunta de Galicia facilita ás empresas o acceso aos fondos europeos e estatais para proxectos de I+D+i

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organizou un taller de dous días para ofrecer aos empresarios galegos as ferramentas necesarias para acceder aos 42 millóns de axudas á innovación procedentes dos fondos europeos e estatais. Para iso, están a recibir o asesoramento de especialistas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Estas subvencións e empréstitos proceden fundamentalmente do Fondo Tecnolóxico Europeo e son xestionadas polo propio CDTI.

Neste marco, o director da Axencia, Manuel Varela, e o xefe de División de Promoción e Coordinación do CDTI, Nabil Khayyat Khury; presentaron o novo programa de apoio á empresa galega e subliñaron o seu potencial para mellorar a innovación no tecido económico do país.

Trátase de dúas liñas diferenciadas de axudas. A primeira está dirixida ao financiamento de proxectos de innovación tecnolóxica a través de empréstitos ao 2%, que poden cubrir ata o 85% do presuposto total. Esta pon a disposición das compañías de Galicia 12 millóns de euros, e está orientada a iniciativas que impliquen a incorporación e adaptación de novas tecnoloxías, a aplicación do deseño industrial e a enxeñería de produto e proceso para a mellora tecnolóxica, ou a incorporación dun método de produción ou subministración nova. Os beneficiarios poderán optar a un anticipo do 25% da axuda ata 300.000 euros sen garantía, e do 75% presentando un aval bancario.

A outra liña, pola súa banda, está dotada con 30 millóns de euros para a nosa Comunidade e o seu obxectivo é financiar proxectos de I+D aplicada á creación e optimización significativa dun produto, servizo ou proceso. Ao igual que nas anteriores, as subvencións poden cubrir ata o 85% do presuposto total, aínda que, neste caso, se combina unha parte reembolsable mediante un empréstito ao Euribor +0,1% con outra non reembolsable, é dicir, a fondo perdido, e que pode alcanzar o 20% do custo total do proxecto. En ambas as dúas liñas as iniciativas presentadas deben ter un presuposto mínimo de 175.000 euros e o prazo de devolución oscila entre cinco cotas para os empréstitos de innovación tecnolóxica e os dez anos na parte reembolsable de proxectos de I+D aplicada.

(Fonte: Innovamás)