A Xunta convoca as axudas a empresas para a solicitude de títulos de propiedade industrial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Consellería de Economía e Industria convocou as axudas para o fomento da propiedade industrial no exercicio 2011, cunha dotación de 550.000 euros. As subvencións destinaranse a atender os gastos empresariais derivados da tramitación de solicitudes de títulos de propiedade industrial e da súa renovación ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais. O prazo de solicitude remata o 15 de novembro deste ano.
 
Estas axudas enmárcanse no eixe estratéxico de valorización do coñecemento do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015, orientado ao crecemento empresarial mediante a transferencia de resultados de investigación ao mercado.
 
O obxectivo destas subvencións é fomentar a protección da propiedade industrial en Galicia, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados da innovación empresarial. Deste modo, a Consellería de Economía e Industria busca impulsar a protección non só das innovacións técnicas ou invencións, senón tamén das innovacións de forma, relacionadas cos deseños industriais, así como as de imaxe, que teñen que ver cos signos distintivos.
 
Mediante esta liña de axudas as empresas poderán obter financiamento para tramitar as solicitudes de calquera título de propiedade industrial: invencións, deseños industriais e signos distintivos. Nos conceptos subvencionables inclúense todos os trámites que sexan necesarios para a solicitude do titulo correspondente e que supoñan o pagamento de taxas ante as oficinas de propiedade industrial, así como a transformación ou a extensión territorial de títulos existentes.
 
Tamén se financiará o mantemento de calquera título de propiedade industrial. Neste concepto inclúense todos os trámites correspondentes á renovación de marcas, nomes comerciais e deseños industriais e á renovación e posta en explotación de patentes e modelos de utilidade.
 
A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de presentar unha ou varias solicitudes ao amparo desta convocatoria, non poderá superar os 30.000 euros. As axudas cubrirán o 70% dos custos subvencionables.
 
Esta actuación enmárcase na estratexia da Consellería de Economía e Industria para impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica, facilitando a participación das empresas nos procesos de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega.
 
(Fonte: Consellería de Economía e Industria)