A Xunta convoca as axudas do programa Innoempresa por máis de tres millóns de euros

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A Consellería de Economía e Industria prevé a mobilización de sete millóns de euros no impulso á innovación nas pequenas e medianas empresas galegas mediante o programa Innoempresa, que ten por obxectivo facilitar o financiamento de proxectos empresariais orientados á mellora da competitividade a través do incremento da capacidade innovadora das pemes.

A través deste programa, cuxa convocatoria se publicou o 6 de xuño no Diario Oficial de Galicia, destinaranse máis de 3 millóns de euros a facilitar a mellora dos procesos e produtos das pemes galegas, así como á incorporación doutros cambios e melloras, con apoios que poden chegar ata o 50% do investimento subvencionable.

Estas axudas concédense en concorrencia competitiva, primando os proxectos de cooperación e aqueles que se comprometan á creación de emprego, especialmente nos colectivos de máis difícil acceso ao mercado laboral. Tamén se valoran de xeito especial os proxectos de empresas localizadas nas provincias de Lugo e Ourense e nos concellos de Ferrolterra e Costa da Morte, que teñen maiores posibilidades de acceder aos apoios e que conseguirán maior intensidade nas axudas resultantes, ao amparo dos respectivos plans Impulsa.

O programa Innoempresa, cuxo prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 8 de xullo, desenvólvese a través de tres liñas básicas de actuación: innovación organizativa e xestión avanzada; innovación tecnolóxica e calidade; e proxectos de innovación en colaboración. Estes proxectos de innovación en colaboración gozan de prioridade fronte aos proxectos individuais das pemes e conseguen as máximas intensidades de axuda do programa, que na anterior convocatoria mobilizou 6,5 millóns de euros en máis de 180 proxectos dos cales se beneficiaron 266 pemes galegas.

As tres liñas do Innoempresa, impulsado polo Igape e que por primeira vez se poñen en marcha en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, están baseadas na utilización de instrumentos e procedementos de xestión xa contrastados para impulsar a promoción da competitividade das pemes mediante a innovación.

(Fonte: IGAPE)