A Xunta aumenta un 15%, ata os 12,5 millóns, ás liñas de apoio á innovación empresarial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A Xunta aumenta un 15% o presuposto para varias liñas de innovación empresarial, destinadas fundamentalmente a pequenas e medianas empresas (pemes), e reservará 12,5 millóns de euros para estas axudas.
 
Na rolda de prensa posterior ao consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a estas liñas como "unha nova inxección económica" para fomentar a innovación e destacou que a contía crece "malia a crise". Así mesmo, indicou que serán máis áxiles porque se tramitarán "de forma absolutamente dixital". "Se estamos a intentar promover a innovación, o que parece razoable é que as empresas sexan capaces de relacionarse coa Administración pública vía Internet, sen papeis para a tramitación,", subliñou.
 
En concreto, o Goberno galego precisou que se trata de dúas liñas, para a investigación e a innovación empresarial e para incentivar os investimentos innovadores. O presuposto é superior ao da convocatoria de 2011 en 1,5 millóns de euros.
 
As axudas forman parte do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, o i2C. O presidente da Xunta expuxo que as liñas "serán equilibradas" e se valorarán "especialmente" as iniciativas das áreas de influencia do Plan Impulsa Lugo e o Plan Impulsa Ourense.
 
Na parte referida ao crecemento empresarial, as subvencións poderán alcanzar o 35% do custo subvencionable para as empresas pequenas, o 25% para as medianas e o 15% para as grandes. Na liña de captación de investimentos para mellorar proxectos que se van presentar a convocatorias de axudas estatais ou internacionais, as pemes poderán chegar ao 70% e as grandes empresas ao 60%.
 
Tamén se concederán axudas ás plataformas tecnolóxicas galegas, para promover a súa participación en programas estatais e internacionais de I+D e para investimentos innovadores, que chegarán ao 50% para as pequenas empresas, ao 40% para as medianas e ao 30% para o resto.
 
(Fonte: Europa Press)