A Xunta aposta por Tecnópole con 1,5 millóns que permitirán dispoñer de novo espazo para empresas innovadoras

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa primeira visita institucional a Ourense a aposta do Goberno galego polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole como referente no eido da innovación e do emprendemento e como un polo de desenvolvemento da economía de Ourense e de toda a comunidade.

Neste sentido, Conde anunciou que nos orzamentos deste ano a Xunta aprobará unha contía de máis de 1,5 millóns de euros para a culminación da primeira fase da ampliación do Parque, que permitirá poñer a disposición das empresas a mediados deste ano 37.000 metros cadrados de novo espazo innovador, así como para o desenvolvemento da súa actividade. Segundo o conselleiro de Economía e Industria, “trátase dunha aposta moi significativa que marca unha prioridade da Xunta moi clara por Ourense, por este Parque e tamén polo emprendemento e a innovación”.
 
O conselleiro salientou que Tecnópole é un “exemplo clarísimo da cooperación público-privada, onde institucións, universidades e empresarios están implicados no desenvolvemento deste Parque e da actividade industrial innovadora”.  Tal e como puxo de relevo Conde, o Parque Tecnolóxico de Galicia “supón unha oportunidade para a transferencia de tecnoloxía e polo tanto para un dos aspectos máis importantes da innovación, que é a valorización do coñecemento”.
 
Así, o conselleiro de Economía e Industria salientou a presenza de centros tecnolóxicos e destacou dentro da labor que desenvolve Tecnópole no achegamento da actividade innovadora aos máis novos, así como a posta a disposición das incubadoras ou dos espazos de aluguer nos que os emprendedores poden desenvolver a súa primeira actividade.
 
Neste eido, Conde recordou que o Goberno galego vén de acordar co Ministerio de Economía a sinatura do convenio e2i, mediante o cal Galicia contará cunha nova achega económica de 35 millóns de euros para proxectos innovadores, enfocados á captación de talento, a dinamización dos fondos tecnolóxicos, a creación dun foro de excelencia empresarial ou o desenvolvemento de contratos programa con diferentes centros de coñecemento.

(Fuente: Consellería de Economía e Industria)