A Xunta activará ‘unha lonxa’ para que as empresas capten expertos en biotecnoloxía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A biotecnoloxía é un sector cada vez máis potente e con moitas oportunidades de crecemento. Con todo, as empresas biotech que hai en Galicia atópanse cun problema: non atopan profesionais altamente cualificados. A Xunta decidiu facilitar a captación e incorporación de persoal especializado a estes laboratorios. Para iso organizará unha lonxa de talento. Consistirá en eventos presenciais onde se porá en contacto ás empresas do sector con investigadores e técnicos, pero tamén con comerciais ou directivos con alto grao de especialización.

Esta medida complementarase cunha plataforma web onde empresas, universidades, centros de coñecemento e entidades auxiliares publicarán as ofertas de emprego no sector biotecnolóxico galego. Estas son algunhas das actuacións contempladas na Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025 do Goberno galego.

“No sector TIC existe un boom de demanda de profesionais que evoluciona demasiado rápido e con necesidades cambiantes”, explica a directora da área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, Patricia Fernández. Para satisfacer esta “incorporación de talento” planificaranse eventos presenciais (un en 2021 e outro en 2022) para favorecer a selección de profesionais. A Xunta describe estes foros como unha “lonxa” onde as empresas do sector poderán visibilizar as ofertas e os postos de traballo que necesitan. E, por outro lado, isto suporá unha oportunidade para que os investigadores e profesionais galegos que tiveron que emigrar poidan retornar e incorporarse a unha empresa galega. De entrada, o obxectivo que se fixa a Xunta é atraer 30 perfís altamente cualificados.

A web que publicará as ofertas de traballo no sector biotecnolóxico dará un servizo máis especializado que outros portais de emprego. Esta plataforma centralizará as necesidades de talento e estará vencellada a outras webs corporativas do sector.

Outra das medidas incluídas na nova Estratexia de consolidación da biotecnoloxía será a creación de “incubadoras” e “aceleradoras” de empresas biotecnolóxicas. “Trátase de minimizar as dificultades no proceso de emprendimento e crecemento das empresas”, explica o departamento que dirixe Francisco Conde.

Na comunidade galega hai 127 empresas dedicadas á biotecnoloxía. Son o dobre que as que había hai cinco anos. Segundo os últimos datos correspondentes a 2019, estas firmas facturan 412 millóns de euros anuais. A pesar de que o número de compañías se duplicou no último lustro, a falta de profesionais evidénciase nos datos dos cadros de persoal: en 2019 traballaban no sector da biotecnoloxía 1868, un 39% máis que en 2015 e por baixo do crecemento experimentado na cifra de empresas biotech.

Para consolidar o sector, o Goberno galego prevé investir 662 millóns até 2025 no marco da súa estratexia en materia de biotecnoloxía.

Fonte: La Opinión