A Xunta activa unha nova convocatoria do Conecta-Peme que mobilizará 40 millóns en 50 proxectos de innovación empresarial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Xunta de Galicia está a desenvolver unha estratexia integral de innovación que, coa participación de todos os axentes do Sistema Galego de I+D+i, inclúe actuacións prácticas que redundan nun incremento da competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, a Consellería de Economía, Emprego e Industria abrirá nas próximas datas unha nova convocatoria do programa Conecta-Peme que, dotada con 25,2 millóns de euros, mobilizará 40 millóns en 50 proxectos de innovación liderados por pequenas e medianas empresas galegas.

O presuposto supón un incremento de máis dun 25% con respecto á anterior convocatoria e é a maior aposta do Goberno galego pola innovación empresarial dende o comezo da crise. O obxectivo é reforzar a capacidade de recuperación das pequenas e medianas empresas con base no coñecemento desenvolvendo iniciativas de colaboración nas que priman a transferencia de resultados ao tecido empresarial.

Deste modo, búscase dar continuidade ás boas cifras conseguidas polas dúas primeiras edicións, que están a mobilizar preto de 46 millóns en 72 proxectos de cooperación desenvolvidos por pemes e centros de innovación e de coñecemento galegos, que contribuíron á creación de 500 postos de traballo.

No medio centenar de proxectos previstos para esta terceira edición tomarán parte ao redor de 200 pemes galegas, coa perspectiva de que na maior parte deles participen tamén centros tecnolóxicos e de investigación galegos. Búscase así impulsar a xeración de solucións innovadoras a necesidades estratéxicas para Galicia, que ao tempo sexan competitivas no mercado global, mobilizar capital privado con destino á innovación e fomentar a unión de capacidades científico-tecnolóxicas procedentes das esferas pública e privada.

Así mesmo, dende o punto de vista estratéxico, as principais novidades desta terceira edición son un maior aliñamento coas prioridades temáticas establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e o apoio por primeira vez a proxectos de innovación en organización e mellora de procesos, como reflicte a Axenda de Competitividade Galicia - Industria 4.0.

Desta forma, o Conecta-Peme impulsará proxectos que supoñan unha innovación disruptiva ou radical e que xustifiquen un alto impacto económico, polo que se valorará a innovación das tecnoloxías xeradas pero, ademais, e moi especialmente, a súa capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.

Entre dúas e seis empresas

As iniciativas de colaboración serán desenvolvidas por un mínimo de dúas e un máximo de seis empresas e incorporarase nesta edición a posibilidade de incluír no consorcio unha grande empresa, sempre que non supere a execución do 25% do total do presuposto. Ademais, as actuacións que impliquen a contratación de centros tecnolóxicos e de investigación galegos contarán cunha valoración positiva. Os proxectos terán que contar cun presuposto de entre 500.000 euros e 1,5 millóns e as axudas públicas poderán cubrir ata o 80% do total.

Así mesmo, a nova edición inclúe 20 medidas de simplificación e flexibilización da tramitación, atendendo á demanda das propias empresas de reducir os esforzos destinados ao procedemento administrativo. Ao longo do mes de decembro terán lugar talleres prácticos en sete localidades para axudar ás pemes a preparar as súas propostas coas máximas opcións de éxito.

(Fonte: Xunta de Galicia)