Xosé Antón Vila Sobrino é nomeado novo director do CITI

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo conta xa cun novo director. Trátase de Xosé Antón Vila Sobrino, profesor da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense. Con dependencia orgánica e funcional da Vicerreitoría de Investigación, o CITI comeza unha nova etapa cunha nova dirección que se marca como obxectivo dinamizar a actividade do centro e sacar maior proveito aos seus recursos humanos, instalacións e dotación tecnolóxica.

Xosé Antón Vila Sobrino, doutor en Físicas, pasa a ocupar este cargo dende o seu posto de profesor do campus de Ourense e investigador do MILE Group (Medical Informatics and Learning Environments). "Asumir a dirección do CITI pareceume un proxecto moi interesante, pois é un centro que pode avanzar moito e contribuír ao desenvolvemento da Universidade de Vigo", afirma.

O CITI que agora pasa a dirixir Vila Sobrino é un centro creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia no 2005 cuxa misión é potenciar o desenvolvemento do I+D+i nas empresas, mediante a creación de espazos de colaboración para favorecer e transferir coñecemento dende a Universidade ao tecido empresarial. A fórmula que emprega para conseguilo é o desenvolvemento de proxectos conxuntos de I+D+i relacionados co ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.

Asesoramento e servizos

"A pesar de ser tempos de crise, nos que todas as institucións están a recortar presupostos, intentaremos facer máis co que hai. Dende a súa creación o CITI foi avanzando e mellorando e nós intentaremos seguir potenciando o seu traballo", destaca o novo director. Neste camiño, un dos primeiros obxectivos que se marca Vila Sobrino é incrementar o coñecemento que ten a comunidade investigadora ourensá dos servizos que ten á súa disposición no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación. "O asesoramento e o apoio aos investigadores para buscar novas oportunidades, acordos e financiamento será unha das cuestións que imos potenciar a través dos técnicos do CITI", explica Xosé Antón Vila.

Outro dos aspectos nos que quere incidir a nova directiva é no aproveitamento da equipación e das instalacións do centro. "O CITI ten unha planta piloto cunha dotación tecnolóxica moi boa á que temos que sacarlle o máximo proveito posible", apunta. Para facelo, e habida conta a localización do centro no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnopole o novo director destaca a importancia de estreitar a colaboración coas empresas do ámbito, para que coñezan a oferta tecnolóxica e os servizos que teñen á súa disposición no CITI e se abran novas oportunidades de realizar proxectos conxuntos.

(Fonte: Duvi)