As Xornadas de Automatización Industrial da Uvigo volven en marzo con 38 horas de conferencias e 32 empresas implicadas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Despois de catro anos de parón, as Xornadas de Automatización Industrial (JAI) da Universidade de Vigo (Uvigo) volven o próximo mes de marzo con 38 horas de conferencias impartidas por representantes de 32 empresas e institucións relevantes no sector. Máis de 600 profesionais se inscribiron xa para asistir ao evento.

"Dun encontro académico derivouse nunha cita empresarial de grandes dimensións, que conta coa presenza de practicamente todas as firmas que están liderando a revolución dixital, conservando sempre o compoñente de divulgación e análise clásica da orixe académica da cita. Veremos grandes marcas pero tamén grandes contidos divulgativos", comenta Ignacio Armesto, coordinador do certame.

Entre as novas propostas das xornadas destaca a presenza de empresas que ata hai pouco non participaban nos contornos industriais, como é o caso de HP, que estará presente a través da súa tecnoloxía de fabricación aditiva. Ademais, os asistentes poderán visitar o Showroom "Industria 4.0", onde máis de 20 compañías participantes en JAI presentarán as súas novidades en automatización, control e robótica.

Programa de conferencias

O programa contempla conferencias dedicadas á evolución da industria cara o paradigma dixital da man de PSA, Repsol ou Navantia. En relación ás tecnoloxías, a robótica industrial terá gran protagonismo da man de ABB (cunha sesión dedicada ao valor dixital da robótica industrial), Kuka (os robots como compañeiros de traballo do futuro), Universal Robots (robótica colaborativa en pemes) e Staubli (que afondará na seguridade das tecnoloxías colaborativas); Asti, en relación á robótica móbil e a súa aplicación en planta; RobotPlus, con robots en estático vs. en móbil; Aimen, en relación á súa utilización en procesos de ensamblado e kitting; Pilz, analizando a seguridade aplicada en robótica colaborativa; e MiR, con casos de robótica móbil en loxística.

As asociacións ISA España e CEA tamén participan no evento para reflectir a importancia do asociacionismo profesional no ámbito da automatización e robótica empresarial.

Sobre enfoques da Industria 4.0, as JAI ofrecerán a oportunidade de ver contrastar diferentes visións: Festo, Omron, Rockwell Automation, Sick, Phoenix Contact e SMC, entre outros, presentarán as súas propostas integrais para a fábrica dixital. Outros aspectos claves para este enfoque terán tamén o seu lugar: Ciberseguridade na Industria 4.0 con Rockwell Automation e tamén baixo a visión de Siemens; xestión do talento na Industria 4.0 coa enxeñería galega Tecdesoft; o Internet Industrial das cousas con Rexroth de Bosch Group, ou o desafío de actualización de equipos obsoletos con Harting.

Sobre as tecnoloxías disruptivas que están chamadas a transformar os procesos na industria terá unha presenza destacada o Big Data. As JAI ofrecerán a visión de SolidQ en relación ao impacto dos datos na mellora dos procesos; a experiencia Ctag, quen detallará 'best practices' da utilización de tecnoloxías Big Data nos procesos de pintura do automóbil; Gradiant, poñendo en práctica a analítica de datos, e Logitek, quen se centrará no criterio do bo dato para a evolución dixital.

Haberá lugar tamén para analizar outras tecnoloxías como a do 'twin dixital' (xemelgo dixital) proposta por Siemens, a tecnoloxía 3D multijet desenvolvida por HP, a eficiencia e seguridade no conexionado industrial con Stäubli; os motores eléctricos de alta eficiencia con Weg; a dixitalización de infraestrutruras HVAC con ABB; a nova tecnoloxía OPC-UA con Matrikon; os retos en HMI con Pro-face; os desafíos das conexións do PLC ao mundo de internet con Beckhoff, o presente e futuro do cadro eléctrico de baixa tensión con Schneider Electric, ou a mecatrónica na Industria 4.0 con Rockwell Automation. Por último, de protocolos e estándares para a industria 4.0 tamén se falará nas sesións de Wago, IEC e DNP3; de Pilz, cos estándares de seguridade e as súas solucións Pss 4000 e Pas Visu.

Máis información e inscricións en http://jai2018.uvigo.es

(Fonte: JAI)