Xapón e China toman o testemuño da innovación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A innovación está a cambiar o mapa do mundo. Como aconteceu nas anteriores revolucións industriais que lideraron Inglaterra ou Estados Unidos, respectivamente, a cuarta revolución industrial, a Industria 4.0 tamén ten os seus protagonistas. Neste caso, avanza da man dunha ampla lista de novos países. Xapón e China perfílanse este ano como os dous polos de impulso da innovación mundial, segundo o último Barómetro da Innovación de General Electric 2018.

O informe, realizado a partir de 2090 entrevistas a directivos de 20 países, reflicte que Estados Unidos e Alemaña frearon nos últimos catro anos o seu impulso innovador (aínda que seguen sendo os maiores polos en datos globais) mentres que os mencionados países asiáticos e outros mercados emerxentes están a "gañar confianza" e apostan máis pola innovación que en 2014.

Neste novo mapa que se debuxa hai outros países onde a loita pola innovación está a crecer, ademais dos asiáticos ou os emerxentes como Polonia, Sudáfrica, Malaisia e Arabia Saudí. Dous deles son Suecia e Canadá, aínda que globalmente a UE reduciu a súa aposta neste sentido.

O documento tamén reflicte que son as multinacionais as que están liderando o crecemento da innovación, cuxo pulso descende nas pemes e tamén nos emprendedores e startups. E iso, aínda que o 40% dos directivos remarca que a innovación mellora a conta de resultados da empresa.

Nalgunhas zonas como Asia as empresas están a cobrar protagonismo fronte aos gobernos como líderes do cambio. Por outro lado, a tecnoloxía que máis entusiasma aos directivos é a impresión 3D, da que destacan o seu potencial. En concreto, nove de cada 10 directivos está convencido de que a impresión 3D aumentará a creatividade e o 89% considera que a utilización desta tecnoloxía acurtará os tempos de lanzamento dos produtos.

Os directivos tamén mencionan algunhas apostas, menos populares que a impresión aditiva, pero que na súa opinión poden supoñer grandes transformacións: as cidades intelixentes ou a atención médica virtual son dúas das mencionadas.

Preocupacións e retos

A análise do estado da innovación apunta tamén algunhas preocupacións ou retos. Un deles é a capacitación laboral. Tres de cada catro directivos asegura que a falta de habilidades axeitadas é un problema ao que se enfrontan as empresas e se converteu nun desafío clave de cara ao futuro. Pero hai outros retos fundamentais para o desenvolvemento da innovación a nivel mundial. O insuficiente financiamento é un deles (así o mencionan o 67% dos enquisados): nos últimos anos aumentou en 13 puntos a cifra de executivos que apuntan a esa carencia. O 65% dos enquisados tamén apunta á incapacidade de escalar innovacións a mercados máis amplos e un 64% fala da aversión ao risco como aspectos que nos últimos catro anos están a volverse relevantes.

(Fonte: El Mundo)