A viticultura galega explora o uso de drons para aplicar fitosanitarios e reducir custos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A agricultura de precisión é xa unha realidade e entrou con forza na viticultura. En Galicia, esta revolución aínda é incipiente pero xa hai bodegueiros na Ribeira Sacra que dende hai un ano utilizan sistemas de teledetección de pragas con drons para localizar enfermidades e actuar de forma inmediata cando aparecen.

A segunda fase do proceso, a aplicación de fitosanitarios, tamén ten a súa ferramenta aérea non tripulada e presentouse por primeira vez en Galicia nun viñedo de Arnoia, no Ribeiro, no marco do segundo Congreso Internacional de Drons que organiza a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións, AGGETT.

A empresa galega Aerocámaras, especialista no emprego de drons e situada en Tecnópole, abordou neste foro as diferentes aplicacións agrícolas e forestais desta tecnoloxía e puxo o colofón ao congreso cunha demostración do que é capaz de facer un dron nunha plantación de vide. Dende unha planimetría do terreo e reconto das plantas á pulverización dos produtos fitosanitarios na medida xusta e só cando sexa necesario. O resultado é unha explotación máis sustentable e eficiente xa que minimiza o uso de produtos químicos, axiliza o traballo e reduce a man de obra e custos.

O primeiro voo nunha plantación de Galicia fíxoo o dron Agras MG-1 S, capaz de sulfatar unha viña dunha hectárea e media en 10 minutos. A demostración tivo lugar na contorna do balneario de Arnoia, onde se celebrou a comida de peche do congreso, á que asistiron, entre outros, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e a directora da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, EASA, Isabel Maestre.

O xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, explicou que estes equipos xa traballan a pleno rendemento no sur de España, sobre todo en Estremadura, onde as plantacións son máis extensas. Galicia é un mercado que empeza a mostrar interese pola aplicación desta tecnoloxía á viticultura. De feito, xa contan con varios clientes na Ribeira Sacra que monitorizaron os seus cultivos e actualmente están en conversacións cunha das cinco denominacións de orixe.

Dúas fases

A intervención en viñedos realízase en dúas fases con dous drons diferentes. Na primeira utilízase un aparato equipado con cámara multiespectral co que se realiza un plan do cultivo a través dun varrido que xera fotografías da plantación. Os datos recollidos a través de sensores impórtanse a un programa de agricultura de precisión que os procesa. "Podemos contar o número de plantas, a altura de cada unha, o vigor, o nivel de clorofila,", explica Pereira, "e somos capaces de detectar pragas, sobre todo pola perda de vigor da planta, e controlar as necesidades de rego".

A partir deste momento realízanse voos periódicos e mantense informado da evolución das plantas ao agricultor a través dunha aplicación informática.

A segunda fase, é a que se presentou por primeira vez en Arnoia e consiste na aplicación de fitosanitarios tratando a área con maior precisión mediante unha pulverización de microgotas. Este sistema leva a mínimos o uso de produtos químicos xa que "o cultivo só recibe o fitosanitario que necesita; nós utilizamos 10 litros fronte aos 200 litros que para a mesma superficie se utilizan con outros métodos, a diferenza é abismal", sinala Pereira.

(Fonte: Faro de Vigo)