Vinagre galego e un software contra a espionaxe industrial, ideas innovadoras premiadas pola USC

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A elaboración dun vinagre balsámico galego (mencía) e un software de rastrexo documental (SRD) para combater a espionaxe industrial son dúas das cinco propostas premiadas na XII Edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ao que por vez primeira dende o nacemento do certame se presentaron máis mulleres que homes.
 
"Na USC non temos problema de cota", resaltou o reitor, Juan Casares Long, durante a súa intervención no acto, no que vinculou a empregabilidade coa innovación e incidiu na importancia de adoptar un comportamento emprendedor, aínda tendo en conta que a obriga de garantir o emprego non reside nas institucións universitarias, senón que recae "noutros".
 
Dito isto, admitiu que a USC debe ser consciente de que hai que reinventarse, apostando pola "diversidade" de ideas. Así, transmitiu o seu agradecemento a todos os autores das 241 ideas presentadas, das que só cinco recibirán os 600 euros de premio, unha vez valorada a súa viabilidade empresarial, o carácter innovador, o grao de madureza, o mercado e a aplicación de políticas de igualdade.
 
Pola súa banda, o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros, ratificou o apoio do seu departamento aos emprendedores e destacou a "misión" da universidade de transferir o coñecemento á sociedade. "Esperamos que estas ideas se convertan en proxectos e estes en empresas", manifestou.
 
Proxectos de alto valor engadido
 
Á súa vez, os autores das ideas galardoadas expresaron o seu agradecemento á USC pola oportunidade que supón este concurso e concretaron o contido das súas propostas: vinagre balsámico galego, un software de rastrexo, cultivo de cogomelos sobre substrato de pousos de café, vehículos eléctricos de uso profesional con alto valor engadido e un xogo para observar a célula e comprobar a súa evolución.
 
Ao recoller o seu premio, a bióloga pola USC Patricia Amado, explicou que pretende elaborar un vinagre balsámico orixinario de Galicia -zona da Ribeira Sacra- que permita elevar o valor engadido dos produtos da zona e incorporar unha nova "referencia" nun mercado en forte crecemento.
 
"Aquí hai moi boa uva", esgrimiu Amado, quen optou pola variedade mencía para o seu proxecto debido ás súas similitudes coas variedades de uva da zona italiana de Emilia-Romaña, cuna do Acceto balsámico.
 
Pola súa banda, a titulada en Ciencias Políticas Cristina Vidal, apostou por desenvolver un software de rastrexo documental que permita facer un seguimento de toda acción asociada a un documento, permitindo identificar cando se realizan accesos, copias, envíos ou modificacións e proporcionando ao autor orixinal un reporte instantáneo desa actividade.
Segundo explicou, este software complementaría os sistemas de seguridade existentes e sería útil tanto ás entidades públicas coma ás privadas xa que permitiría combater, por exemplo, as filtracións de exames ou a espionaxe industrial.
 
En terceiro lugar, a idea do titulado en bioloxía Ignacio Mielgo de Luque, que busca financiamento alternativo e colectivo a través da plataforma "lánzanos.com"; consiste na creación dunha granxa de cultivo sustentable de cogomelos crecidos sobre substratos reciclados na súa zona de influencia, en concreto os pousos de café recollidos diariamente en cafeterías de Vigo.
 
As especies a cultivar serían o cogomelo ostra e "shiitake", que se comercializarían frescas, deshidratadas e conxeladas. Ademais, os autores, que xa teñen madura a idea, están a deseñar un kit de autocultivo para que sexa o cliente o que o faga na súa casa.
 
Tamén procedente de Bioloxía, a estudante Ana Paula de Felipe propón "aprender xogando" cun programa de ordenador no que o usuario, convertido no personaxe "proteína", poderá observar a célula dende dentro. En canto ao formato, aposta ben por un xogo-CD ou un arquivo de descarga gratuíta en internet, con pagamentos concretos a medida que se van superando as distintas fases.
 
Por último, o proxecto do enxeñeiro industrial Plácido José Míguez consiste na fabricación de furgóns ou vehículos eléctricos lixeiros de uso profesional equipados con elementos tecnolóxicos, técnicos e de deseño que lle acheguen valor engadido ao produto final. Como fórmula de comercialización, o promotor deste proxecto aposta pola fórmula do "renting", aínda que non descarta a fórmula de venda tradicional se o cliente o demanda.
 
(Fonte: Innovamás)