ViaGalicia selecciona quince proxectos de Vigo e Lugo para a fase final de aceleración de empresas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Oito proxectos empresariais provenientes da sede de Lugo e sete da sede de Vigo foron seleccionados polo comité técnico de ViaGalicia para pasar á fase de aceleración na que recibirán titoría, mentoring e capital para apoiar a súa saída ao mercado coas maiores garantías de éxito. Os quince proxectos seleccionados nesta terceira edición, recibirán un financiamento de 1.250.000 euros en empréstitos participativos e achegas a fondo perdido.

VíaGalicia está promovida polo Consorcio da Zona Franca e o Goberno Galego a través da súa axencia Gain e as sociedades de capital-risco XesGalicia e Vigo Activo; e debido a esa combinación de apoio económico e formativo está considerada como unha das aceleradoras de empresas máis potentes de España.

Os responsables destes proxectos seleccionados terán agora que dar o salto entre ser emprendedores e ser empresarios e terán que constituír as súas sociedades. Durante seis meses os quince equipos terán tamén que traballar os seus modelos de negocio no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle, baixo a supervisión do equipo de ViaGalicia e titores especializados.

Esta selección para pasar á fase de "aceleración" realizouse despois de que os responsables dos 20 proxectos da sede de Lugo e os outros 20 da sede viguesa que finalizaron a fase de "academia" defendesen hai unha semana a súa idea de empresa durante as xornadas denominadas "Demo Day".

Lista alfabética das 15 empresas seleccionadas

- ALFAPILOT (Lugo), Desenvolvemento dun dispositivo de navegación dirixido ás diferentes disciplinas aeronáuticas recreativas.

- BIWID (Lugo) - Solución integral de apps de noticias para editores e medios.

- CASTAÑAM (Lugo) - Comercialización de pan e empanadas elaboradas con fariña de castaña cun 100% materia prima galega.

- DOMESTING (Lugo) - Sistema de reserva de profesionais e empresas de servizos domésticos de confianza e con carácter legal.

- NUBINGS (Lugo) - Solución IoT personalizable e autoinstalable para smartphones que che permite aforros enerxéticos baseándose en recomendacións.

- OPOSITA TEST (Lugo) - Ferramenta online para a preparación de oposicións que inclúe test específicos, seguimento individual e rankings.

- PERYCO (Lugo) - Comparador online de perfumería e cosmética orientado ao consumidor final.

- PHOTTIC (Lugo) - Plataforma web global para ordenar coleccións de fotografía e recuperar as historias que a xente sabe sobre elas.

- BENDITA COCIÑA (Vigo) - Plataforma online que contacta a chefs a domicilio con xente que busca unha experiencia gastronómica de alto nivel na súa propia casa.

- BETA, Innovation for Veterinary Surgery (Vigo) - Deseño, desenvolvemento, fabricación e subministración de gamas de implantes innovadores, específicos para o sector veterinario.

- A DESPENSA DO CAMPO (Vigo) - Plataforma que permite a venda directa entre produtor e consumidor final de produtos agrícolas.

- MERCADO FLOTANTE (Vigo) - Plataforma dirixida a profesionais e a particulares que permite a compra de todos os ingredientes necesarios para elaborar calquera culinaria do mundo.

- RESETEA (Vigo) - Produción e comercialización de produtos innovadores, sustentables e socialmente responsables a través da reutilización de residuos.

- TWIBEX35 (Vigo) - Plataforma de intercambio de mensaxes curtas especializada no IBEX35 que permite captar o sentimento de mercado a partir da interpretación de datos de social media.

- VMS, Vehículo Motorizado Stilz (Vigo) - Fabricación, homologación e comercialización dun innovador vehículo de tres rodas 100% eléctrico.

(Fonte: Innovamás)