A vangarda biotecnolóxica "Made in Spain" dá o salto a EE.UU.

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O sector biotecnolóxico español crece a unha media do 15% anual e está integrado por ao redor de 1100 empresas, o 88% da cales contan con actividade internacional.
 
Moito choveu dende que en 1953, James Watson e Francis Crick publicasen na revista Nature un artigo que revolucionaría o mundo científico. Nel describíase a estrutura molecular de ácido desoxirribonucleico, coñecido popularmente como ADN. Este fito marcou un antes e un despois no estudo da bioloxía, inaugurando unha nova era na ciencia marcada fundamentalmente polos descubrimentos en xenética, medicina, bioloxía e agricultura. E tamén este achado é o que, co tempo, levou á creación dunha nova industria: a biotecnoloxía.
 
Dende entón, Estados Unidos converteuse no epicentro da investigación biotecnolóxica, especialmente nos últimos 30 anos. De feito, moitos dos científicos, centros de investigación e empresas líderes neste campo están situados neste mercado. Conscientes desta realidade, moitas son as empresas españolas de biotecnoloxía que apostaron por implantarse na área de Nova Inglaterra, onde se atopan os grandes centros de investigación científica estadounidenses. Segundo datos da Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO), 13 dos seus asociados contan xa con filiais neste país norteamericano, entre as que destacan Grifols -presente en EEUU a través da adquisición de Talecris-, Advancell -selou un acordo con ADM Cell para distribuír a súa ferramenta Cacoready Sistem-, Intelligent Pharma -desenvolve programas de investigación cunha compañía estadounidense- e tantas outras.
 
Precisamente para axudar a outras empresas españolas do sector a coñecer todas as oportunidades que brinda este mercado, a Fundación Xenoma España, en colaboración co Biohealth Management e o apoio do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), puxo en marcha o programa Boston Landing. Dunha duración dun ano, esta iniciativa ten como obxectivo axudar ás empresas españolas a coñecer o mercado biotecnolóxico estadounidense e implantarse, principalmente, na Costa Leste de EEUU.
 
Unha primeira remesa de dez firmas biotecnolóxicas xa asumiron o reto participando nunha misión os 6 e 7 de setembro que os levou á capital de Massachusetts. Nas xornadas, que arrancaron cunha sesión de formación titulada ''Apoia o crecemento da túa empresa coñecendo as oportunidades de EEUU'', analizáronse as fontes de financiamento, bolsas, desenvolvemento clínico, comercialización de produtos, loxística e establecemento dun negocio no mercado estadounidense. A visita contemplou, ademais, o encontro con executivos da área de Boston -posibles socios, investidores, banqueiros e senior executives- e varios centros de investigación de grande importancia, como o Massachusetts Life Science Center e o Cambridge Innovation Center.
 
O programa consta de dúas fases: durante a primeira, a empresa recibe o apoio dun consultor local que define unha estratexia de entrada ao mercado, abordando aspectos tales como a propiedade industrial, a transferencia tecnolóxica, busca de socios, aspectos regulatorios... Unha consultoría de valor engadido que é cofinanciada pola Fundación Xenoma, principal promotor da iniciativa. Na segunda fase, a empresa opta ao programa de implantación no exterior do ICEX, que cofinancia os gastos en promoción comercial e mercadotecnia -gastos correntes- no mercado obxectivo durante un período de tres anos.
 
A Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Chicago xoga un papel importante na coordinación e definición do programa, así como na identificación das mellores zonas para instalarse. A pesar de que a área prioritaria de implantación é Boston, pode haber outros de alto interese para a empresa, dependendo da súa especialización (saúde, agricultura, industrial, etc.)
 
Boston Landing é unha iniciativa demandada polo sector e deseñada á medida das súas necesidades. O plan sectorial de internacionalización que ICEX ten subscrito co sector biotecnolóxico considera Estados Unidos un mercado prioritario. Froito das actividades realizadas neste país norteamericano (misións a biopartnering, xornadas técnicas, pavillón oficial na feira BIO...), o sector español identificou unha ventá de oportunidade, para a cal é necesario consolidar a presenza local e así adquirir un maior grao de compromiso cos distintos axentes públicos e privados.
 
A biotecnoloxía española en cifras
 
O sector biotecnolóxico español crece a unha media anual do 15% debido en parte ao seu desenvolvemento, froito dunha serie de factores: a excelencia académica, persoal altamente cualificado, un réxime regulatorio equilibrado e políticas de apoio á propiedade intelectual.
 
Segundo a última Memoria de ASEBIO, o sector estaba integrado por 1095 empresas e facturaba 53.152 millóns de euros en 2009. Outra característica é o seu alto grao de internacionalización xa que o 88% dos seus asociados levou a cabo en 2010 algunha actividade internacional, sendo a media de contribución destas actividades na facturación das empresas do 26%.
 
As áreas de especialización comprenden a oncoloxía, a medicina cardiovascular, enfermidades neurodexenerativas e inflamatorias, investigación biomédica e clínicas, diagnóstico e aplicacións terapéuticas. Está a crecer, así mesmo, a medicina personalizada, que moitos sinalan como o futuro do sector.
 
En termos comunitarios, España é o quinto país da UE-15 en importancia de investigación biotecnolóxica, tras Alemaña, Francia, o Reino Unido e Italia. En canto ao peso da industria no conxunto do país, en 2010, a biotecnoloxía supuxo o 1,28% do PIB español, cunha facturación global de 31.300 millóns de euros e máis de 108.000 empregos, directos e indirectos, que dependen do sector. O número de patentes nacionais e internacionais triplicouse no período 2000-2008 en España e, en canto a transferencia tecnolóxica, o número de solicitudes de patentes da nosa investigación pública creceu o 17% no mesmo período.
 
(Fonte: ICEX)