Unha vacina desenvolta no CiQUS xa está lista para probarse en ratos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O equipo do CiQUS liderado polo investigador José Manuel Martínez Costas anunciou que o proxecto de procura dunha vacina fronte á covid-19, iniciado o pasado 15 de abril, avanza “positivamente”, e xa está preparado para “iniciar as probas experimentais en ratos no prazo de mes e medio, aproximadamente”. Cun método de traballo desenvolto polo propio centro e patentado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), puideron obter bos resultados en marxes de tempo reducidas (un prazo de tres a catro semanas a partir do momento en que se reciben os reactivos) e a baixo custo.

“O noso sistema é moi rápido, temos varias modalidades de tecnoloxía e unha en concreto moi rápida coa que planeabamos sacar adiante este proxecto”, explica o investigador do CiQUS. A sorpresa para eles foi que “saíunos todo ben á primeira” e “xa temos a vacina lista para ensaiar en animais”. Este proceso levaría da orde de tres a catro meses.

Tres proteínas baixo estudo

Nun principio, tal e como conta o doutor Martínez Costas, “o noso preparado de vacina estaba previsto para realizarse con tres proteínas diferentes, unha delas que é moi difícil de obter". “Agora mesmo véndense case todas as proteínas de coronavirus, pódense obter, pero esa non a vende ninguén pola súa complicación”, apunta, e engade que, “no caso de que ao final non puidésemos contar con ela tampouco pasaría nada, a vacina formaríase igual, pero por sorte hai uns días conseguimos esa terceira composición”. “Foi motivo de grande alegría, xa que as outras as tiñamos desde hai tempo”, sinala o científico.

Deste xeito, asegura que “neste momento xa poderiamos empezar a testar en animais, pero preferimos deixar un tempo de marxe para caracterizar ben este preparado e purificalo”. Por iso, destaca que, a pesar de que “non hai aínda data exacta de inicio das probas, calculamos que dentro dun mes e medio poderiamos empezar a probar a vacina en ratos”.

Require tempo

A pesar desta boa noticia no curso da investigación, José Manuel Martínez Costas amósase prudente, e considera que ata que estea lista para ser comercializada no mercado “terá que pasar moito tempo”, xa que que as probas en animais non só se realizarían en ratos, acto seguido “habería que buscar un animal máis próximo ao ser humano, como algún tipo de macaco”. Finalmente, o último paso serían os “ensaios clínicos” en humanos, “se logramos financiamento para iso”, sentenza.

Membros do equipo

O equipo que logrou este achado está integrado por dous grupos de investigación, un pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e outro ao laboratorio de seguridade de Nivel 3 CISA de INIA en Madrid. En concreto, o equipo do CiQUS está dirixido por José Manuel Martínez Costas e integrado por Natalia Barreiro, Tomás Pouse e Rebeca Menaya. O equipo madrileño está dirixido por Javier Ortego.

Financiamento

Para poder continuar as sucesivas fases da investigación e iniciar os ensaios preclínicos en macacos, o doutor Martínez Costas indica que se require de “máis financiamiento”, algo que xa están a buscar. É dicir, “aínda que podemos producir moi rápido a vacina, ata que esta poida aplicarse na poboación será necesario máis dun ano”. Isto débese a que os pasos deben seguirse exhaustivamente para comprobar a eficacia e tamén a seguridade da mesma, sen efectos secundarios nocivos.

Fonte: El Correo Gallego