A UVigo impulsa un instituto de investigación de física e tecnoloxía aeroespacial en Ourense

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A Universidade de Vigo propuxo a implantación en Ourense do Instituto de Física e Tecnoloxía Aeroespacial, IFTA. O proxecto é novo e atópase por agora en fase administrativa. Será impulsado por 19 investigadores con vinculación permanente á UVigo, entre os que se atopan profesores dos campus de Ourense e Vigo.

A axenda científica deste equipo estruturarase en cinco áreas: fluidodinámica e termodinámica, tecnoloxías fotónicas, aeronaves non tripuladas, ciencia e tecnoloxía do espazo e modelización e simulación. A sede do IFTA emprazarase na cidade das Burgas, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, pendente, por outro lado, de contar cun edificio propio no campus. O director da escola, Humberto Michinel, avanzou que nas vindeiras semanas se licitará o anteproxecto.

O plan estratéxico do IFTA incide en que a aposta por un sector emerxente en Galicia como é o aeroespacial recibiu o impulso definitivo en 2016 coa implantación do grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus. E no devandito centro, destaca o documento, “foron xurdindo grupos de investigación cuxas actividades se centran en temas que integran a física aplicada e a industria aeroespacial, desde a sonorización de aeronaves non tripuladas ás investigacións espaciais”.

O IFTA “nace coa visión de situarse como un centro de investigación de excelencia e transferencia tecnolóxica sectorial de referencia nos campos da enxeñaría aeroespacial e a enxeñaría física, conectada coas redes nacionais e internacionais máis relevantes”. Nesta liña, a memoria en exposición sostén que este instituto será estratéxico para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

A través do IFTA, os 19 investigadores proponse achegar ao sector aeronáutico e aeroespacial galego “solucións tecnolóxicas innovadoras que poidan dotar ao tecido industrial dun diferencial competitivo e posicionamento internacional”.

Fonte: Faro de Vigo