A USC premia cinco ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un adaptador de astigmatismo para lentes, un sistema de secado de sangue, un servizo de reutilización de augas da acuicultura, unha ferramenta para fomentar a creatividade e un asistente para persoas con problemas de memoria foron as iniciativas distinguidas na décima edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende.

Das 147 ideas aceptadas nesta edición, o 49% foron presentadas por mulleres e o 51% por homes, na súa maior parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias humanas cun 8%.

Corrector para astigmatismo

Eva Acosta Plaza e Justo Arines Piferrer, de Óptica e Optometría, observaron que os oculares actuais permiten a corrección da miopía ou hipermetropía pero non do astigmatismo, de maneira que aqueles usuarios con esta doenza se ven no deber de usar os seus lentes e perder campo visual e confort ou ver borroso a través do ocular. Por esa razón propoñen un sistema sinxelo que permite a corrección de astigmatismos de diversa magnitude e eixe, de forma que os astigmatas poderían observar polos oculares de SOL4OpticS sen os seus lentes.

Secado de sangue

Os matadoiros e as industrias cárnicas en xeral xeran durante a súa actividade unha gran cantidade de sangue, un residuo catalogado de perigoso que pode provocar importantes focos de infección. Se ben a maior parte do sector contratou un servizo de xestión de residuos, o equipo de José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela Rodríguez, da EPS de Lugo, atopou un xeito de revalorizar o sangue in situ nas propias industrias a través dun tratamento de secado que garante a súa esterilidade e facilita a súa conservación. Unha vez feita fariña deixa de ser un residuo e presenta diversas opcións de comercialización.

Solucións acuapónicas

Greenaquaculture é o nome da idea do equipo formado por Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres, baseado en ofrecer un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura a través de sistemas de cultivo integrado de animais acuáticos e plantas (acuaponía), nos que as bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais, facéndoo asimilable para as plantas que filtran a auga. As promotoras traballan tamén na fabricación de kits acuapónicos para uso doméstico e didáctico como un xeito máis de promover a sustentabilidade ambiental.

Creativity Loading, xogo creativo

As psicólogas educativas Noelia Villaverde Desbroces e Sara Vidal Núñez idearon Creativity Loading, unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar. Trátase dun xogo de mesa que busca converter o pensamento creativo nun hábito fomentando a fluidez de ideas, a flexibilidade de pensamento, a asociación de ideas e a apertura da mente para interpretar puntos de vista diferentes. Os xogadores e xogadoras deberán resolver distintas probas deseñadas para que inciten respostas orixinais e novas de forma que nin se falla nin se acerta, senón que se premia o maior número de ideas.

Memmory assistant

O estudante da ETSE Ángel Rodríguez Cerdeira propón un asistente persoal de persoas con problemas de memoria co propósito de facilitarlles o día a día. Este asistente estaría integrado nun smartwatch e encargaríase de proporcionarlle ao usuario recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos ou indicar o camiño de volta a casa.

(Fonte: Innovamás)