A Universidade de Salamanca desenvolve un innovador sistema que reconstrúe os accidentes de tráfico en 3D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A Universidade de Salamanca creou Crashmap, unha ferramenta que analiza as deformacións que teñen os vehículos que sufriron un accidente e, a partir de aí, é capaz de descubrir a velocidade á que se produciu o sinistro. Esta información é clave para que as forzas de seguridade reconstrúan a situación e é posible grazas aos modelos tridimensionais que desenvolve o Departamento de Enxeñería Cartográfica e do Terreo.

"A reconstrución de accidentes de tráfico ten un problema, non podes volver ao escenario do suceso", comenta Diego González Aguilera, investigador da Escola Politécnica Superior de Ávila da institución académica salmantina. Por iso, é necesario recompilar toda a información posible de xeito fiable nos primeiros instantes. "As forzas de seguridade actuantes, que no caso de España é Policía Local e Garda Civil, son as primeiras responsables de que os datos se tomen da mellor forma posible", sinala o experto.

"Nós achegamos unha ferramenta que vai permitir en todo momento reconstruír a escena dun accidente como se fose unha radiografía en 3D, estimando as deformacións que estes vehículos sufriron, e polo tanto, calculando a velocidade á que ían no momento no que se produciu o sinistro,", explica.

Dispoñer destes datos é esencial para que posteriormente se poidan resolver conflitos, sobre todo en accidentes graves. Tradicionalmente, o método utilizado pola policía para estimar a velocidade á que se producira un accidente era medir a distancia de freado, pero os novos sistemas ABS evitan as marcas que deixaban os pneumáticos no asfalto, de maneira que quedou obsoleto.

Ante esta situación, analizar as deformacións dos vehículos é a única pista que teñen as forzas de seguridade. Non obstante, os métodos manuais para levalo a cabo resultan demasiado rudimentarios. "Esta ferramenta facilitará moito a tarefa da policía, que só ten que tomar fotos seguindo un sinxelo protocolo,", destaca González Aguilera. Para explicar exactamente que imaxes deben tomar e dende que posicións, os investigadores elaboraron un sinxelo vídeo a disposición dos axentes.

"Eles toman as fotografías e sóbenas á nube. Despois, nós realizamos os cálculos oportunos para ter os modelos tridimensionais das deformacións que sufriron os vehículos e os resultados sobre a velocidade do impacto", afirma o científico da USAL.

Notificación instantánea

Toda a información se lle notifica rapidamente á Policía ou á Garda Civil. "Reciben no seu correo electrónico un link de descarga con protocolos de seguridade onde poden ter acceso en todo momento a estes mapas de deformación que os van axudar sen dúbida a apoiar os informes periciais que posteriormente levarán a xuízo", agrega. Contar con esta tecnoloxía será especialmente importante para avaliar sinistros especialmente aparatosos, que habitualmente acontecen en vías interurbanas.

Co apoio da Fundación Xeral da Universidade de Salamanca os investigadores puideron desenvolver unha proba de concepto para validar este sistema, que demostrou ser moi útil e que, polo tanto, está listo para incorporarse ás rutinas de traballo das policías locais e a Garda Civil de Tráfico.

(Fonte: DICYT)