Universidade e empresa únense para construír edificios sustentables

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Universidade de Zaragoza e o Centro de Investigación de Recursos e Consumos Enerxéticos (Circe) liderarán o maior proxecto europeo conseguido ata a data en Aragón. Trátase da iniciativa NEED4B (New Energy Efficient Demostration for Buildings), da que formarán parte un consorcio formado por 16 universidades, empresas e centros tecnolóxicos europeos, cuxo obxectivo  é a construción de edificios sustentables no Vello Continente. A Comisión Europea achegará, dentro do VII Programa Marco de I+D, un total de 9,5 millóns para o financiamento do proxecto, que comprometerá un investimento superior aos 200 millóns.
 
O sector da construción consume o 40% da enerxía primaria na Unión Europea e é o responsable do 36% das emisións de gases de efecto invernadoiro. Non obstante, os novos edificios "demostradores" que se construirán sobre 27.000 metros cadrados repartidos nas cidades de Bérgamo (Italia), Böras e Kungsbacka (Suecia), Estambul (Turquía), Mons (Bélxica) e Zaragoza (España), plasmarán solucións innovadoras no ámbito da edificación sustentable e serán enerxeticamente eficientes. "Será unha nova forma de deseñar, construír e xestionar os edificios", aseguran fontes da Universidade de Zaragoza.
 
Europa buscou unha variada gama de usos, zonas xeográficas e climáticas para que as novas formulacións sexan aplicables a un gran número de edificios e en calquera territorio. Os deseños inclúen unha dobre vertente. Por un lado, contarán cuns consumos enerxéticos que chegarán a reducir nun 75% as cifras convencionais. Por outro, os desenvolvementos de eficiencia enerxética e integración de enerxías renovables evitarán, nun 85%, a emisión de gases de efecto invernadoiro.
 
O proxecto liderado pola Universidade de Zaragoza inscríbese tamén no Plan Europeo de Recuperación Económica para incrementar o poder adquisitivo, reactivar o crecemento e crear emprego. Preténdese que o sector da construción, tan afectado pola crise, poida ter, a través da edificación de inmobles enerxeticamente eficientes, unha vía de saída.
 
Escaparate de aforro enerxético
 
O edificio que se construirá en Zaragoza será a nova sede do Centro de Investigación de Recursos e Consumos Enerxéticos (Circe). Erixirase como un modelo de bioconstrución e sustentabilidade, un escaparate en materia de aforro enerxético.
 
A construtora Acciona encargarase do proxecto, a través do uso de novas ferramentas de organización e xestión do proceso construtivo. A empresa Ingeniería e Control Electrónico ocuparase da monitorización dos consumos enerxéticos, en tanto que a Universidade de Zaragoza e o Circe coordinarán a execución da obra.
 
(Fonte: Cinco Días)