A Universidade de Vigo e a Obra Social Bancaja convocan o 2º Premio Bancaja Novos Emprendedores/as

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Emprender un proxecto empresarial propio é unha decisión que require coñecementos, recursos, valentía e toda a axuda posible para desenvolverse nun marco económico adverso como o actual.
 
Conscientes desta situación, a Cátedra Bancaja da Universidade de Vigo acaban de convocar o 2º Premio Bancaja Novos Emprendedor@s. "Sabemos que na Universidade se crea coñecemento e que moi habitualmente ese coñecemento ten potencialidades para converterse en novos negocios, en novas empresas. Con este galardón queremos contribuír a que estes negocios se concreticen, ou cando menos, queremos apoiar os membros da comunidade universitaria que desenvolven novas propostas empresariais", destaca Ana Gueimonde, directora desta Cátedra Bancaja. Tendo como referente o éxito de Nanoimmunotech, a empresa gañadora da primeira edición do premio, os organizadores animan a estudantes, profesores e investigadores a transformar en proxectos as súas ideas empresariais.
 
A finalidade da Cátedra Bancaja é impulsar e difundir no ámbito universitario os valores e aptitudes propios da cultura emprendedora e a convocatoria deste certame é un dos instrumentos cos que traballan nesta liña. "Un premio serve de estímulo e incentivo, achega recoñecemento, proxección e recursos materiais ás iniciativas que nacen na Universidade" explica Ana Gueimonde. Poderán presentarse a esta convocatoria, individualmente ou en grupo, estudantes, investigadores e profesores da Universidade de Vigo, así como antigos alumnos que remataran os seus estudos durante os tres últimos anos en calquera dos tres campus. En ningún dos casos poden ter constituído unha empresa con anterioridade ao 30 de xaneiro de 2010.
 
O premio é unha achega ao gañador de tipo económico, 3000 euros, que pretende ser un capital semente que contribúa ao desenvolvemento do proxecto. Ademais, explica Ana Gueimonde, "o galardón tamén é o recoñecemento a un traballo ben feito e avala a presentación pública do proxecto ante o sector economico-financeiro, político e universitario de Galicia". O prazo para a presentación estará aberto ata o 1 de xullo de 2011.
 
O éxito da anterior edición
 
A responsable da Cátedra Bancaja destaca que este ano intentarán repetir o éxito da anterior edición deste galardón, á que se presentaron 15 solicitudes. "Foi unha moi boa cifra toda vez que estamos a falar de proxectos empresariais innovadores e que era a primeira edición. Ademais, non só hai que destacar o número de solicitudes, senón tamén o feito de que procedían de case todos os ámbitos de coñecemento, dos diferentes colectivos da comunidade universitaria e que un bo número deles eran proxectos avalados por un equipo de persoas,", explica Gueimonde.
 
Empresa premiada en 2010
 
O proxecto gañador do 1º Premio Bancaja Novos Emprendedor@s foi Nanoimmunotech. A empresa, da que son promotores os investigadores Christian Sánchez e África González, é unha empresa do sector da nanobiotecnoloxía fundada como spin-off da Universidade de Vigo e da Universidade de Zaragoza.
 
Entre os seus servizos ofrece unha gran variedade de técnicas e experiencia en nanotecnoloxía e é pioneiro en Europa na caracterización biolóxica de nanoestruturas. "A empresa non só está en activo, senón que non para de recibir recoñecementos, premios e apoios financeiros. Para nós é un motivo de satisfacción poñer o noso gran de area neste proxecto coa concesión do 1º Premio Bancaja". Unha satisfacción que esperan repetir nesta segunda edición do certame.
 
(Fonte: DUVI)