A Universidade de Vigo busca o potencial do ourizo de castaña como recurso enerxético

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Cando chega a época de outono, a recollida da castaña convértese nunha actividade habitual nos montes galegos. Pero neste proceso de recolección, ¿que acontece cos ourizos de castaña?
 
Debido á falta de utilidades deste residuo, Raquel Dopazo, Luis Ortiz e Daniel Vega, investigadores da Universidade de Vigo, afondaron na busca dalgún uso posterior, centrándose no seu posible valor enerxético. Como explica Luis Ortiz, trátase dun material que unha vez tratado e queimado deixa bastante brasa" polo que o seu emprego enerxético é bastante viable".
 
A investigación nace dunha colaboración coa Asociación de Propietarios Forestais de Santiago, que se atopan inmersos nun programa de desenvolvemento de venda de castañas no estranxeiro. "Neste contexto ademais de normalizar a comercialización do produto no mercado europeo, xurdiu a posibilidade de realizar unha valoración enerxética de todos os residuos que se xeraban na explotación da castaña", aclara Ortiz.
 
Deste modo, dende a escola procederon a comprobar o seu poder calorífico. A partir de varios sacos facilitados pola asociación, os investigadores escolleron unha serie de mostras para analizar. Para isto, deixaron secar o ourizo da castaña durante dúas semanas ao aire libre para posteriormente comezar a tratalo con traballos de redución "para que fosen máis manexables".
 
Despois moeron o material en diferentes graos para realizar uns estudos granulométricos "bastante intensivos" tomando como referencia unha gran variedade de parámetros como humidades, densidades, poder calorífico ou contidos en cinzas. Unha vez triturado e queimado "o material deixa bastante brasa, obtendo un poder calorífico final máis ou menos parecido ao da madeira".
 
Importancia do proceso de secado
 
De todo o proceso, adquire especial importancia o momento do secado, porque "vimos que se trata dun material que nace rodeado de moita humidade, o que fai necesario un tempo de secado abondo para que se poida empregar con garantías e bos resultados". Por iso á hora de tratar a mostra, estableceron unha unidade de equilibrio en canto á humidade do ourizo, "que se alcanza si ou si, independentemente das condicións atmosféricas do lugar". Recoñecen ademais que é a primeira vez que traballan con este tipo de produto "porque é unha biomasa moi específica cunhas características de tamaño e cuns pinchos que o fan moi dificilmente utilizable de forma directa".
 
A relevancia desta investigación reside en que o custo que implica xestionar o residuo do ourizo se pode reinverter no propio proceso de produción da castaña. "Empregaríase, por exemplo, no proceso de secado da propia castaña, reducindo os propios custos do proceso de xestión de venda do propio produto", apunta Ortiz.
 
Recomendacións prácticas
 
O equipo de investigación aproveitou as mostras estudadas para realizar probas de combustión do ourizo de castaña con outros materiais máis habituais, "pois queimado solo pode dar problemas ás caldeiras a longo prazo". Por iso, tomando como referencia unha proporción determinada de ourizo, buscaron unha mestura axeitada "que non xere problemas á hora de xestionar a instalación de combustión".
 
(Fonte: DUVI)