Unha de cada catro empresas españolas deixaron de investir en I+D entre 2008 e 2010

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O gasto español en I+D estancouse durante 2011 cun crecemento de apenas un 0,041% con respecto ao ano anterior, segundo destaca Cotec no seu 'Informe 2012 sobre Tecnoloxía e Innovación en España'. Con esta cifra rómpese a tendencia de crecemento que se rexistrara desde hai máis de dez anos.

Desde que comezou en 2008 a crise económica ata 2010 máis de 3500 empresas españolas -23,7%- deixaron de facer investigación e desenvolvemento (I+D), segundo un informe da Fundación Cotec para a Innovación Tecnolóxica, que ademais augura unha caída similar para 2011. En 2008 había en España 15.049 empresas que executaban I+D, mentres que en 2009 ese número reduciuse ata as 13.603 e en 2010 ata as 11.481, segundo o "Informe 2012 sobre tecnoloxía e innovación en España" presentado hoxe.

Segundo este documento, no que se alerta do "grave deterioro" do sistema español de innovación, a maioría das empresas que en España fan I+D teñen entre 10 e 49 empregados e son estas as que desde 2008 a 2010 máis deixaron de facer investigación (3093 menos).

Contra o cambio de modelo produtivo

O director xeral de Cotec, Juan Mulet, quen advertiu de que esta baixada da contribución empresarial vai en contra do necesario cambio de modelo produtivo, estimou que en 2011 a redución de empresas que fan I+D repetirase ante o agravamento da crise, unha diminución que podería estar en torno ao 20%. Mulet apuntou algunhas medidas para evitar esta situación: basear a innovación na demanda real; vantaxes fiscais; compra pública de tecnoloxía innovadora; ou fusións.

Segundo Cotec, as empresas que aproveitaron intensamente a época de bonanza para mellorar os seus activos fixos para I+D, reduciran o ritmo de investimento coa crise, pero non por iso deixaran a súa actividade investigadora. Porén, segundo o avance do INE, a tendencia en 2011 é que ambos gastos terán empeorado, xa que o gasto empresarial en I+D  experimentaría unha diminución do 5,4%, cunha baixada dun 5,1% nos gastos correntes (a primeira vez en 15 anos) e dun 7,4% nos gastos de capital.

Todo iso prodúcese nun escenario onde os presupostos de I+D para 2012  sufriron un recorte do 26%, recorda Cotec, que apunta a influencia que isto podería ter na fuga de cerebros. En canto ás patentes, España está á cola (só por diante de Noruega; Alemaña encabeza o ránking).

A Formación Profesional, fundamental para a innovación

Nun capítulo dedicado ao capital humano e innovación, conclúe que a FP española non é recoñecida pola sociedade e non obstante é fundamental para a innovación (en Alemaña o 54% das persoas cursaron FP, fronte ao 19% en España -datos de 2008). "É unha aberración dicir que a FP é para os malos, porque aí hai emprego", precisou Mulet.

O informe inclúe a opinión de máis de cen expertos, -que sempre acertan, segundo Mulet-, os que mostran un "claro pesimismo" sobre o futuro da I+D, critican a escasa dedicación de recursos financeiros e humanos para a innovación nas empresas e lamentan o deterioro dos fondos públicos para I+D+i. "Aínda en España non cremos que isto é importante", concluíu Mulet.

(Fonte: Cinco Días)