Un sistema para controlar o ordenador mediante os movementos corporais gaña o primeiro premio da 'Galiciencia'

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O dispositivo iKinect, que permite controlar o ordenador cos nosos propios movementos sen necesidade de usar o rato e o teclado, foi o gañador absoluto da 'Galiciencia 2011', celebrada en Tecnópole entre o 23 e o 25 de novembro. Este proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e gañador absoluto por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato. Martín Alvarez, Adrián González e Luis Rodríguez, do IES O Couto (Ourense), adaptaron a cámara da videoconsola Xbox para que permitise unha interacción total do usuario cos controis de calquera ordenador.
 
As gañadoras na categoría de 1º ciclo da ESO, Mariana Cabaleiro Lago e Claudia Gómez Pérez, do Colexio Alborada de Vigo, estudaron os diferentes tipos de fentos que se poden atopar ao longo da ruta polo río da Fraga. O resultado final é un cartel cos datos destes fentos situados nas distintas zonas, así como unha breve descrición para que o camiñante poida ir identificando estas especies.
 
Na categoría de Bacharelato resultou gañador o proxecto Zambuseta Laboratories, unha agrupación que se dedica á construción e deseño de electrónica programable formada por Carlos Almuíña Varela e Pablo Dobarro Peña, do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela). Este tipo de circuítos pódese atopar en case calquera aparato doméstico, reloxos, lavadoras, aires acondicionados, termómetros, etc. Os membros do grupo recrean estes obxectos e outros novos de xeito aberto para que todo o mundo poida entender o seu funcionamento interno e os adaptar ás súas necesidades. O proxecto conta con canle propia en YouTube.
 
Cada un dos membros dos tres equipos gañadores levou un tablet portátil que no caso do primeiro premio absoluto se completa co financiamento da viaxe á Exporeçerca, a feira científica de ámbito estatal que se celebra en Cataluña.
 
Coa clausura da 'Galiciencia' deuse por rematada a Semana da Ciencia en España, que tivo como actividade de referencia a feira celebrada en Tecnópole por medio da FECYT, cofinanciadora do evento coa Xunta de Galicia. Neste sentido, o director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, apuntou que "é unha gran satisfacción para a Xunta, que leva apoiando a Galiciencia dende o principio e seguirao facendo no futuro, que o evento se convertese en referente da Semana da Ciencia en España". Capilla felicitou a todos os participantes polo entusiasmo que poñen nos seus proxectos e animounos a "seguir movéndose pola paixón en todo o que fagan no futuro".
 
Capilla estivo acompañado na clausura e entrega de premios pola directora da Unidade de Cultura Científica da FECYT, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, Rosa Capeáns, que destacou o nivel da Galiciencia, "á altura dos mellores proxectos de divulgación científica que se realizan no conxunto do Estado".
 
Un xurado experto
 
Os proxectos premiados foron elixidos por un xurado experto formado por vinte persoas, a maior parte deles emprendedores da incubadora de empresas de Tecnópole. Despois de visitar os 51 proxectos procedentes de colexios da provincia de Ourense, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Cataluña e Euskadi, fixeron as súas avaliacións e coa media das puntuacións elaborouse o ránking final.
 
Todos estes proxectos estiveron expostos durante os tres días que durou a feira no recinto de Tecnópole e recibiron a visita de máis de 2000 persoas, entre grupos de colexios e familias que asistiron por libre.
 
Ademais da exposición de proxectos, a 'Galiciencia' contou cunha ampla oferta de actividades paralelas que incluíron a participación no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química. Trátase dun exercicio sobre o pH do noso planeta que tivo lugar onte e no que alumnos voluntarios obtiveron unha mostra de auga natural de orixe local e mediron o seu pH utilizando solucións indicadoras de cor. A media dos resultados obtidos foi enviada á base mundial de datos experimentais.
 
Para realizar o experimento desprazouse ata Tecnópole Javier García Martínez, profesor titular e director do Laboratorio de nanotecnoloxía Molecular da Universidade de Alacante, vicepresidente do Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial de Davos e asesor da Unión Europea.
 
A maiores, con motivo da conmemoración do Ano Internacional da Química e do Ano Internacional dos Bosques, a 'Galiciencia' celebrou talleres durante os tres días en horario de mañá e tarde sobre estas temáticas, xunto con outro sobre termalismo e un planetario móbil.
 
No acto de clausura repartiuse a  revista oficial da ‘Galiciencia’, elaborada nos dous últimos días polos alumnos do taller de periodismo científico (estudantes de Secundaria) celebrado no marco da feira.
 
Ademais, xa se pode visualizar a galería de fotos e o video elaborado por FECYT sobre o evento.
 
(Fonte: Tecnópole)