Un proxecto europeo mellora a transmisión global de datos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un equipo de investigadores desenvolveu dous compoñentes novos que poderían contribuír a que Europa resolva varios retos incitantes no ámbito da comunicación, concretamente na investigación sobre amplificadores ópticos.
 
O equipo, financiado con fondos europeos e cuxos integrantes proceden de Dinamarca, Grecia, Irlanda, Xapón, Suecia, Suíza e Reino Unido, desenvolveu un amplificador de ruído ultra baixo e un rexenerador óptico para sinais codificados na fase. Estes avances poderían mellorar a capacidade de transmisión e a eficiencia enerxética de certas redes de comunicación óptica.
 
O equipo explica na revista Nature Photonics como se construíron estes sistemas de transmisión novos. O estudo recibiu apoio económico por valor de 2.698.947 euros por medio do proxecto PHASORS («Sistemas de amplificador sensible á fase e rexeneradores ópticos e as súas aplicacións»), financiado a través do tema «Tecnoloxías da información e a comunicación» (TIC) do Sétimo Programa Marco (7PM).
 
Eliminar completamente o ruído é o obxectivo primordial da investigación sobre amplificación óptica, pois deste modo poderíase mellorar de forma significativa o rendemento dunha longa serie de aplicacións como a comunicación óptica (baseada en fibra ou en espazo libre), a espectroscopia e a detección óptica e a detección de fotóns.
 
Polo momento a transmisión de datos mediante redes ópticas atópase limitada polo «ruído de fase», que son flutuacións rápidas, curtas e aleatorias na fase dun sinal que afectan á calidade da información enviada. Iso provoca erros de transmisión de datos e interferencias cando o sinal interactúa con outros sinais en lonxitudes de onda diferentes.
 
Os científicos encargados deste estudo formuláronse poñer a proba a teoría que afirma que se pode lograr amplificación lineal sen ruído de forma non determinista ou sensible á fase. A amplificación lineal sen ruído presenta unha probabilidade reducida de éxito e non é práctica para as aplicacións máis comúns, pero os científicos puxeron as súas miras nos amplificadores sensibles á fase (PSA), capaces de lograr unha amplificación práctica, determinista e sen ruídos. Hoxe en día todos os amplificadores ópticos comerciais seguen sen ser sensibles á fase.
 
Amplificador óptico
 
Os científicos desenvolveron un amplificador óptico capaz de amplificar luz cun ruído extremadamente baixo. Concretamente conseguiron reducir a cantidade de ruído ata un decibelio mediante un «amplificador paramétrico de fibra óptica sensible á fase». Nos amplificadores de fibra dopada con erbio tradicionais, o ruído adoita alcanzar como pouco os tres decibelios, o que resta fiabilidade e continuidade ao sinal.
 
O equipo entende que os seus innovadores descubrimentos poderían aplicarse con facilidade a distintos fins, como os sistemas de comunicación óptica de alta capacidade. "É o amplificador óptico definitivo. Permite a conexión de cidades, países e continentes con maior eficiencia ao situar os nodos de amplificación a intervalos moito máis espazados. O sinal tamén pode modularse con maior efectividade. Ademais, a amplificación é compatible con calquera tipo de formato de modulación, con transmisores láser tradicionais, e pode dispoñer dun grande ancho de banda que amplía a súa compatibilidade a moitos láseres de distintas lonxitudes de onda", asegurou o profesor Peter Andrekson da Universidade Tecnolóxica Chalmers, un dos autores da investigación.
 
O segundo logro do proxecto PHASORS, que estivo en marcha dende 2008 ata xuño deste ano, foi un subsistema de rexeneración óptica que elimina a interferencia en sinais binarios de alta velocidade codificados na fase. A diferencia de dispositivos anteriores, este elimina o ruído de fase directamente sen necesidade de realizar conversións a un sinal electrónico, proceso que reduce en certo modo a velocidade dos procesos.
 
Ademais de no ámbito das telecomunicacións, estes dispositivos novos poderían desempeñar funcións importantes en varias disciplinas como a detección óptica e a metroloxía.
 
O obxectivo xeral do proxecto PHASORS foi contribuír ao desenvolvemento e a utilización de tecnoloxía de PSA baseada en fibra en redes troncais de banda ancha de 40 Gbps. Deste modo pretendía asegurar que Europa permaneza á fronte deste campo de desenvolvemento tecnolóxico relativamente novo.
 
(Fonte: Cordis)