Un proxecto de I+D+i de AIMEN permitirá soldar equipos industriais ata dez veces máis rápido

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O centro tecnolóxico galego AIMEN lidera un proxecto de investigación financiado pola Unión Europea denominado 'Orbital' (Design, development and evaluation of an orbital laser welding head), cuxo fin é o desenvolvemento dun cabezal innovador de movemento circular, destinado á soldadura por láser en aplicacións industriais.
 
Un consorcio de entidades procedentes de España, Alemaña, Francia e Italia leva a cabo esta iniciativa, coordinadas por AIMEN, e entre as que se atopan tamén dúas empresas galegas, Precisgal e Integasa.
 
Os resultados deste traballo de I+D+i serán especialmente proveitosos para todos os sectores industriais nos que se empreguen intercambiadores de calor, como o naval, a xeración de enerxía, a climatización ou a industria petroquímica, e para todas as empresas que se dediquen á fabricación deste tipo de compoñentes ou similares; xa que este innovador dispositivo para soldar con láser está deseñado especialmente para a fabricación destes equipos.
 
Un intercambiador de calor é un aparato utilizado para transferir calor entre dous medios, que estean separados por unha barreira ou que se atopen en contacto. Son parte esencial dos dispositivos de refrixeración, acondicionamento de aire, produción de enerxía e procesamento químico. Precisamente, as empresas galegas partícipes deste proxecto, que fabrican intercambiadores de calor e mecanizan sistemas de alta precisión, beneficiaranse á súa vez dos progresos conseguidos por 'Orbital', así como da futura comercialización do produto resultante.
 
Numerosas compañías do ámbito metal-mecánico, con grande implantación en Galicia e o resto de Europa, poderían estar interesadas en adquirir o sistema, debido ás múltiples vantaxes que ofrece.
 
O novo dispositivo de soldadura láser orbital resultante deste proxecto manterá o concepto actual de fixación mecánica ao tubo a soldar, pero instalarase nun robot. Deste modo, poderase realizar un proceso totalmente automatizado. Ademais, grazas ao uso do láser, aumentará a velocidade de soldadura, asegurando a repetibilidade das unións soldadas, e conseguindo que se respecten sempre as medidas exactas e se reduzan ao mínimo os erros, logrando así unha maior precisión e evitando posibles retrabados posteriores.
 
A introdución da soldadura láser para a construción de pezas como os intercambiadores de calor, suporá entón unha clara mellora na fabricación, alcanzando unha significativa diminución do tempo de produción, ao facer que a soldadura se realice ata 10 veces máis rápido. Este logro é determinante, xa que, debido ao grande número de soldaduras que é preciso realizar neste tipo de operacións, o tempo de soldadura de cada unha delas é decisivo á hora de mellorar a conta de resultados das plantas industriais e aforrar custos.
 
O desenvolvemento deste cabezal de soldadura láser circular parte cunhas expectativas moi positivas de comercialización, xa que se prevé que o mercado de intercambiadores de calor, elemento para cuxa fabricación está pensado principalmente alcance un volume de negocio de 3,5 billóns de dólares no ano 2015.
 
De feito, "en Europa, a situación do mercado de intercambiadores de calor está a atravesar actualmente unha etapa de forte competencia con provedores de países emerxentes, como Corea do Sur, China ou a India; polo que calquera sistema que permita ás firmas occidentais mellorar a súa competitividade e eficiencia para aforrar nos custos de produción e manter as súas marxes de beneficio, será ben recibido", explica Ambroise Vandewynckèle, un dos responsables do proxecto en AIMEN.
 
(Fonte: Innovamás)