Un novo material exposto un minuto ao Sol emite dúas semanas de luz nocturna

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un equipo de investigadores da Universidade de Georgia creou un novo  material que, tras ser exposto ao Sol durante un minuto, é capaz de irradiar luz infravermella que pode ser percibida na escuridade durante máis de dúas semanas.
 
Segundo os seus descubridores, o achado podería revolucionar o campo dos diagnósticos médicos, por exemplo, en nanopartículas que, adheridas ás células canceríxenas, permitirían a visualización dunha pequena metástase que, doutra forma, pasaría inadvertida. Ademais, pode ofrecer ás forzas militares unha fonte de iluminación 'secreta', xa que só pode verse por medio de dispositivos especializados de visión nocturna. O traballo aparece publicado na revista especializada Nature Materials.
 
"Cando pos o material en calquera lugar fóra dun edificio, un minuto de exposición á luz pode crear 360 horas de luz próxima ao infravermello", explica Zhengwei Pan, responsable da investigación. O material, uns discos cerámicos, contén ións de cromo trivalentes, que emiten luz no campo próximo ao infravermello, pero a súa emisión luminosa só dura uns poucos milisegundos. O novidoso do material de Pan é que combina cinc e germanato, un complexo composto óxido, o que crea un "labirinto de trampas" que almacena a enerxía durante moito máis tempo e permite que se libere, é dicir, que emita luz, durante máis de dúas semanas.
 
Mesmo nun día anubrado
 
Os científicos probaron o material en distintas condicións e comprobaron que podía ser cargado mesmo se o día era anubrado ou estaba chuvioso. A substancia fosforescente non necesita ser exposta directamente á luz, senón que se pode cargar no medio de sombras, debaixo da auga ou mesmo nunha solución corrosiva de cloro.
 
Zhengwei Pan cre que o material podería ser utilizado polos exércitos e as forzas de seguridade con fins de identificación, xa que permite localizar persoas ou equipos pola noite. Só farían falta unhas lentes nocturnas especiais para velos. Ademais nanopartículas con este material poderían iluminar unha pequena metástase no corpo humano e poderían axudar ao desenvolvemento dunha próxima xeración de células de enerxía solar máis eficientes.
 
(Fonte: ABC)