Un microchip español que reduce o consumo de electricidade

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Un equipo de investigación da Universidade Pública de Navarra (UPNA) deseñou unha nova familia de sistemas microelectrónicos que reduce de forma "moi importante" o consumo de enerxía eléctrica.
 
Este dispositivo, denominado transistor MOS de porta cuasiflotante, foi empregado xa con éxito pola multinacional xaponesa Seiko Epson nos sistemas de recepción dos seus teléfonos móbiles e xerou catro patentes internacionais.
 
Este traballo foi seleccionado como portada no número de xuño da prestixiosa revista internacional ETRI Journal, segundo informou esta semana a UPNA, que sinala que esta revista é a principal publicación do Instituto de Investigación en Electrónica e Telecomunicacións de Corea do Sur, referente mundial neste ámbito tecnolóxico.
 
O equipo, liderado polo catedrático da Área de Teoría do Sinal e Comunicacións, Antonio López Martín, está integrado ademais por Ramón González, catedrático e Vicerreitor de Transferencia Tecnolóxica da Universidade de Sevilla; Lucía Acosta, investigadora da Universidade de Sevilla; Jaime Ramírez, catedrático e director do VLSI Lab de la New Mexico State University (EEUU), e o bolseiro predoutoral da UPNA José María Algueta.
 
As mesmas fontes explican que un dos principais retos da electrónica nun futuro próximo está no consumo de enerxía, de forma que a investigación realizada se centrou en dispositivos ou transistores minúsculos incorporados en dispositivos móbiles e que fan posible a recepción ou tratamento de datos.
 
A principal achega destes sistemas microelectrónicos é o seu baixo consumo, ao incorporar un novo dispositivo semicondutor denominado transistor MOS de porta cuasiflotante.
 
Outra característica destacada deste novo dispositivo é a súa robustez en escenarios altamente hostís, como poden ser zonas nas que se producira un desastre nuclear ou no espazo exterior, onde a tecnoloxía utilizada permite que estes microchips poidan seguir en funcionamento en situacións caracterizadas por radiacións de partículas de alta enerxía.
 
(Fonte: 20 minutos)