Un innovador software permitirá controlar as instalacións domóticas dende calquera dispositivo con internet

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Un sistema de software gratuíto permitirá o control remoto das instalacións domóticas dunha casa, utilizando para iso dispositivos de baixo custo e que non requiren instalación.

A Cátedra Telefónica da Universidade de Extremadura e o grupo Quercus SEG desenvolveron este sistema de software gratuíto para o control remoto dunha casa, que se basea no protocolo domótico X10, onde os dispositivos "se conectan á instalación eléctrica ou a calquera enchufe e utilizan a liña eléctrica como canle de comunicacións, polo que non se necesita ningunha instalación adicional".

Ata agora, levar a cabo unha instalación domótica caseira para un usuario sen coñecementos en domótica "require un importante investimento en recursos" como é "realizar a instalación de cables, a configuración wifi dos dispostivos e investir en software de control".

E se ademais se quería poder controlar a casa dende o móbil, había que investir nun sistema de software específico e depender dun equipo acendido na casa, co conseguinte consumo de electricidade, segundo explica a Universidade de Extremadura en nota de prensa.

Non obstante, agora, a solución que desenvolveu a Cátedra Telefónica "non require realizar ningunha obra nin investimento en instalación de cables, só enchufar os dispositivos que se queiran", segundo explicou o director desta cátedra, Adolfo Lozano-Tello.

Como sistema software, desenvolveuse unha aplicación que se executa nunha 'Raspberry Pi', un miniordenador conectado a internet, de reducidas dimensións, baixo custo e mínimo consumo (sobre 2.5 W) que "permite o
control dunha casa" dende calquera dispositivo", xa sexa ordenador, tablet ou smartphone conectado a internet.

Así, explica a UEx que con X10RP se poden ir engadindo dispositivos de control e sensores na túa casa, xa sexa por exemplo para acender ou apagar luces, regular a súa intensidade, controlar a calefacción, sensores de presenza, fume, apertura de persianas, e dalos de alta doadamente no sistema.

"Dende calquera ordenador conectado a Internet ou dende calquera smartphone poderás cambiar o estado dos teus dispositivos de forma remota, como variar a intensidade dunha luz ou baixar unha persiana", explicou Lozano-Tello, quen sinalou que ademais se poderá "visualizar os eventos que se produciron na túa casa, por exemplo cando alguén activa un sensor de presenza ou ver en que momento se acendeu a calefacción".

O desenvolvemento do software pretende fomentar o aforro de enerxía nos fogares, e ademais, está orientado a usuarios que non teñen coñecementos de informática nin domótica. X10RP só require gravar unha tarxeta SD, acender a Raspberry Pi e engadir os dispositivos domóticos que se van adquirindo.

As instrucións para instalar este sistema no fogar xa están dispoñibles.

(Fonte: Europa Press)