Un estaleiro de Vigo deseña a primeira plataforma mareomotora de España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O estaleiro vigués de Cardama acaba de iniciar a construción dun dos proxectos máis destacados do noso país en materia de enerxía eólico-mariña: o Proxecto Magallanes. Trátase dunha embarcación flotante que terá como finalidade recoller a enerxía xerada a partir das correntes oceánicas para despois transformala en electricidade.

Aínda que pareza unha idea xa patentada, o certo é que é a primeira plataforma mareomotora deste tipo que se desenvolve en España, unha tecnoloxía pioneira desenvolvida por Magallanes Renovables, en colaboración con CNV Naval Architects e o propio estaleiro galego.

Ao tratarse dun dispositivo flotante, este "trimarán" non requirirá de ningún tipo de construción que o manteña ancorado ao fondo mariño, o que permitirá a súa instalación en calquera área xeográfica do mundo. Isto repercutirá nunha diminución considerable dos custos de mantemento e facilitará unha produción tecnolóxica a maior escala.

O prototipo, de 42 metros de eslora e unhas 350 toneladas de peso, consta de cinco pezas que se montarán ao longo das próximas semanas nas instalacións navais, antes de que se leven a cabo as primeiras probas na ría de Vigo este mesmo verán. O exame definitivo terá lugar o próximo ano nas illas Orcadas, Escocia, ante o Centro Europeo de Tecnoloxías Mariñas (EMEC), que se encargará de homologalo para proceder á súa comercialización.

Está deseñado para xerar ata 2 megavatios de potencia eléctrica instalada, "coa que se podería abastecer de enerxía a máis de 1500 vivendas dunha cidade", destacou José Manuel Fernández, conselleiro de Magallanes Renovables. "De feito, unha poboación como a de Vigo podería ser autónoma enerxeticamente se contase coa subministración dun parque de 200 trimaráns", engadiu.

Proxecto pioneiro

É a primeira vez que Galicia está a achegar un proxecto de tecnoloxía eléctrica para aproveitar a enerxía das mareas noutras áreas do mundo e que non prevé a explotación de recursos naturais galegos. Se se cumpren as previsións, a plataforma podería empezar a comercializarse dentro de dous anos, aínda que os seus creadores prefiren non fixar prazos concretos.

Malia a fase inicial na que aínda se atopa, xa foron varias as compañías eléctricas que se interesaron polo sistema que, de confirmar definitivamente as súas calidades, tería un importante retorno económico para o naval vigués, dende estaleiros a industrias auxiliares de compoñentes pasando por empresas de enxeñería e ciencias mariñas.

(Fonte: Innovaspain)