Un equipo de investigadores patenta un sistema que permite a lubricación automática dos aeroxeradores sen paralos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Investigadores do grupo MicrotechLab da Unviersidade politécnica de Cataluña (UPC) patentaron MicroLubGear, un innovador sistema de lubricación automática para as engrenaxes dos aeroxeradores mentres están en marcha. Con iso, evítanse as paradas técnicas programadas e increméntase a produtividade de enerxía, sinalan os autores.

A patente do sistema será explotada polas empresas GT Rivi-LINCOLN, Laulagun Bearings e Klueber Lubrication, o desenvolvemento está baseado no uso de micro-nyectores e soluciona un problema común que se dá nas engrenaxes dos aeroxeradores actuais.

MicroLubGear é unha innovación tecnolóxica dos investigadores Jasmina Casals-Terré e José Farré-Lladós, que evita as paradas programadas de mantemento para realizar a lubricación do que se coñece como pitch, o sistema de cambio de paso das pas dos aeroxeradores con máis de 2 MW de potencia.

A tecnoloxía consiste en microinxectores instalados na posición cero do pitch que lubrica automaticamente os dentes da coroa da engrenaxe, de xeito uniforme, sen deter a produción de enerxía. Actualmente, existen no mundo preto de 53.000 aeroxeradores aos que se lles poderá aplicar o novo sistema de lubricación MicroLubGear. Os autores da patente prevén unhas vendas a cinco anos vista de máis de 130.000 unidades.

Produtividade

Un dos grandes retos para as empresas enerxéticas é evitar as perdas económicas que orixinan as paradas dos aeroxeradores, causadas polos labores de mantemento dos seus compoñentes. Vibracións, cargas mecánicas, contaminación e humidade son causas frecuentes de avarías. Estas poderíanse evitar cunha lubricación permanente das engrenaxes para protexer axeitadamente a mecánica interna.

Por iso, algúns modelos de aeroxeradores contan con sistemas automáticos de lubricación. Non obstante, os sistemas actuais non distribúen uniformemente o lubricante para todos os dentes da coroa da engrenaxe; durante o 60% do funcionamento do aeroxerador, só dous ou tres dentes do sistema de cambio de paso (pitch) da pa están expostas a cargas extremadamente altas e en contacto permanente, indican os investigadores.

Actualmente existen dous sistemas de lubricación: con piñón de lubricación ou con aire comprimido, pero ningún dos dous pode lubricar directamente os dentes en contacto. Por iso a lubricación destes dous ou tres dentes da engrenaxe só se pode realizar co aeroxerador parado, cando non hai vento ou cando se programa unha parada para lubricar cos sistemas actuais.

As fases de operación adoitan ser moi longas, sobre todo en parques eólicos mariños, onde a película de lubricante se pode dexenerar antes de que haxa unha fase natural sen vento. Isto obriga a deter o aeroxerador para lubricalo, o que leva consigo perdas de xeración eléctrica. O sistema MicroLubGear evita estas paradas técnicas e, polo tanto, xerará un importante aforro e aumentará a produtividade dos aeroxeradores.

O proxecto foi financiado por KIC InnoEnergy, empresa dedicada a promover a innovación, o emprendemento e a educación no campo da enerxía sustentable.

(Fonte: SINC)