Un empresario ourensán crea láminas de lousa flexibles

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Flexible coma se fose de goma, pero en realidade é lousa. Si, a pedra natural pode deixar de ser dura como a rocha da que procede para converterse nun produto maleable e lixeiro. E fino. Apenas medio milímetro de espesor do rachón é o que se precisa para crear estas láminas, as primeiras feitas en Galicia e con pedra valdeorresa (fundamentalmente) e de Lugo como materia prima. É o produto que hai apenas un mes lanzaba ao mercado Pizarra Leads, de Miguel Ángel González, con sede no municipio ourensán do Barco.

A lousa flexible foi froito de varios meses de investigación para facer dela un produto de calidade. Entre as súas vantaxes, que ao ser pedra, non prende lume. Toda unha baza en caso de incendio.

"O que facemos é coller a pel da lousa, menos de medio milímetro, e dámoslle un soporte para que sexa flexible. O material componse de lousa, fibra de vidro e resina, que lle dá a flexibilidade para adaptarse a sitios curvos,", explica o xerente da firma. Isto tradúcese nun produto de decoración para interiores, recomendable para o seu uso en vertical, como en paredes, recubrimento de portas ou mesmo columnas en redondo.

Sae ao mercado sen competencia dentro do territorio español. De feito, a nivel mundial unicamente hai dúas empresas dedicadas á lousa flexible. "Unha está en Alemaña e a outra en Australia, pero ningunha ten a nosa lousa, senón que usan piedar da India ou de China, engade González.

O novo produto ofrécese en catro acabados diferentes: con cuarcita multicolor, a lousa verde de Lugo, a lousa negra con formado rugoso e outra con textura lisa. E tamén en catro tamaños, o que permite forrar unha porta cun só panel, ou as que levan formatos máis pequenos de cara ao estilo dos azulexos de gran tamaño.

Pizarra Leads está a presentar o seu produto a decoradores e arquitectos, "e está a ser moi ben recibido, porque é algo novidoso", sinala González. Xa á venda nalgúns establecementos do sector da decoración en Galicia, a firma busca ampliar mercados e logrou un pedido dende Miami. Negocia tamén coas grandes cadeas de bricolaxe para buscar outras formas de distribución. De momento, na fábrica traballan seis persoas, cunha capacidade de produción de 20.000 metros cadrados ao mes.

(Fonte: La Voz de Galicia)