A UE anuncia unha convocatoria para adxudicar 8100 millóns en investigación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Comisión Europea (UE) anunciou a última convocatoria para acceder aos fondos do sétimo programa marco de investigación, que ascenden a 8100 millóns de euros en 2013 e que se queren dedicar a propostas que favorezan o crecemento e o emprego.

"Esta é a última oportunidade de ter acceso ao presuposto do sétimo programa marco", indicou nunha roda de prensa para presentar a convocatoria a Comisaria Europea de Investigación, Innovación e Ciencia, Máire Geoghegan-Quinn, quen recordou que "o coñecemento é a divisa da economía global". "A intensa competencia por obter fondos da UE garante que os escasos recursos dos contribuíntes se invistan nos mellores proxectos para superar problemas que nos afectan a todos", agregou.

Os 8100 millóns de euros que quedan por distribuír constitúen o groso da proposta de presuposto de investigación da UE para 2013, que ascende a 10.800 millóns de euros.

O financiamento, que está aberto a organizacións e empresas da UE e dos países socios, irá destinado a proxectos e ideas que impulsen a competitividade e traten cuestións como a saúde humana, a protección do medio ambiente e a busca de solucións fronte aos retos derivados da urbanización e a xestión de residuos. Dese modo, a CE pretende "tender unha ponte" cara o próximo programa de financiamento da innovación para 2014-2020 -chamado "Horizonte 2020"-, que está centrado en dar respostas a ese tipo de desafíos medioambientais e sociais.

Dos 8100 millóns de euros que se distribuirán, 4800 dedicaranse a prioridades temáticas na investigación, entre as que destacan a innovación industrial (para a realización de ensaios, demostración, normalización e a transferencia de tecnoloxía). Dese montante, reservaranse ata 1200 millóns de euros para as pequenas e medianas empresas. Por último, uns 2700 millóns de euros irán dirixidos a axudar a consolidar Europa como un destino de "categoría mundial" para os investigadores, principalmente en forma de bolsas de estudo individuais do Consello Europeo de Investigación (1750 millóns de euros), e de accións do programa Marie Slodowska-Curi (963 millóns de euros) de apoio á formación e a mobilidade dos investigadores.

A Comisión sinalou que a maioría das convocatorias de propostas (invitacións a solicitar fondos) publicaranse o 10 de xullo e o resto no outono.

O sétimo programa marco de investigación conta con máis de 55.000 millóns de euros para o período 2007-2013, un tempo no que contribuíu ao financiamento duns 19.000 proxectos que implicaron a cerca de 79.000 participantes.

A CE propuxo aumentar ata 80.000 millóns de euros o presuposto do seu programa sucesor, Horizonte 2020, que se desenvolverá entre 2014 e 2020.

(Fonte: CORDIS)