As tendencias que desprende o Mobile World Congress: a hora da verdade para a intelixencia artificial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A tecnoloxía abre espazos ata tocar multitude de áreas que van dende os vehículos, os servizos conectados para o fogar, a chegada das primeiras redes 5G que darán pé a unha loita entre "telecos" mentres os móbiles quedan relegados a un segundo plano nunha feira que exhibe pantallas sen bordos e dobres cámaras.

Nunca como este ano o Mobile World Congress fora, tan claramente, un crisol de tecnoloxías, o lugar onde o Big Data se funde coas novas redes ultra rápidas de comunicacións, coas capacidades de aprendizaxe das máquinas, coa Intelixencia Artificial e con toda unha lexión de dispositivos dispostos a levar todo iso ao noso peto, á nosa casa, ao noso coche e a cada unha das facetas da nosa vida diaria.

As fronteiras esváense e fabricantes de «cacharrería», como Samsung, pechan alianzas estratéxicas con operadoras, como Vodafone, para ofrecer os primeiros «kits» de dispositivos para os fogares intelixentes, dende sensores de fume a cámaras, enchufes, lámpadas e todo o necesario para controlar, dende o móbil, a iluminación, a temperatura ou a seguridade do noso fogar.

As redes 5G xa son unha realidade

Tras anos en probas de laboratorio xa se aprecian casos concretos (e reais) para o despregamento desta nova tecnoloxía, cuxa poxa comezará en breve en España. As operadoras desvelan os seus plans para o 5G, a rede de comunicacións que deberá soportar o inmenso tráfico dun mundo no que todo fala con todo, mostran os seus proxectos piloto ou afirman, como no caso de Telefónica, estar xa preparada para o que está por chegar. Os antigos inimigos tamén se unen, como fixo Telefónica con Facebook e Google, para ofrecer servizos comúns e sacar vantaxe do mundo hiperconectado que vén, no que haberá lugar, e ganancias, para todos.

Así, poderemos dirixirnos ao asistente virtual Aura, tanto con comandos directos de voz como a través do Messenger de Facebook, do Cortana de Microsoft ou de Google Assistant. O usuario, convertido no centro do universo dixital, será sempre o que elixa... Por suposto, tamén poderemos elixir a través de que dispositivos nos queremos comunicar co noso fogar ou os nosos contactos, e dende onde. Á nosa lavadora (é un dicir) daralle igual se lle estamos a falar dende o coche, dende o móbil, a través do televisor ou dun altofalante intelixente. E porase en marcha cando lle digamos.

Parece que, por fin, chegou o momento de que se materialicen os cambios que levan xa anos anunciándose aos catro ventos. Se hai algo que esta edición do MWC deixou claro é precisamente iso. Que se rematou a espera, que a nova revolución tecnolóxica está en marcha e que podemos empezar a gozar dela dende xa. Para alguén non experto podería resultar complicado darse conta de como todas as pezas encaixan, como os desenvolvementos en diferentes campos se van complementando uns a outros e, ao facelo, van tecendo unha nova realidade da que moi pronto todos formaremos parte.

O retorno do rei móbil

Ao mesmo tempo que as comunicacións, as redes e a intelixencia artificial melloran, os dispositivos que usaremos neste novo mundo hiperconectado fan o propio. E un móbil deixa de ser só un móbil para converterse, é certo, nun «mando universal» que controla todos os nosos dispositivos domésticos, pero tamén nunha extensión dos nosos propios sentidos que nos ofrece información valiosa, e en tempo real, sobre todo o que nos rodea. Así o entendeu, por exemplo, Samsung, que converteu a cámara do seu novo Galaxy S9 nunha ferramenta capaz de chegar ata onde os sentidos naturais non poden. A firma surcoreana entrou pola porta grande no seu regreso á feira para desvelar o seu dispositivo estrela.

Cámaras duais e pantallas sen bordos

Velaquí algúns exemplos. Se enfocamos a cámara ao ceo, aparecerá a información do tempo; se captamos con ela un alimento, diranos cantas calorías estamos a punto de inxerir; se miramos a través dela a un cartel escrito en lingua estraña, o texto aparecerá no noso idioma; se encadramos un monumento, diranos como se chama e contaranos a súa historia; e se enfocamos un obxecto calquera que nos gustaría ter, diranos o seu prezo e onde atopalo.

Sony, pola súa banda, sorprende a propios e estraños coas extraordinarias capacidades fotográficas do seu novo Xperia XZ2, mentres que Nokia segue chamando á nostalxia e ZTE loce o seu novo Axon 9 e, como non, tamén o seu recente Axon M, un estraño móbil con dúas pantallas. O que deixou claro a feira é que despois dun primeiro ano (2017) no que chegaron os primeiros móbiles con pantalla case sen bordos, este ano non só se consolida, senón que tamén toca a outros rangos de prezos, como exhibiu Alcatel.

Os coches traccionan cara á tecnoloxía

En canto a conectividade se refire, tamén os coches van gañando terreo. Aí está Seat, por exemplo, que foi a primeira firma capaz de integrar Shazam ao seu sistema de «infotaiment» de forma que se ao escoitar unha canción tocamos un botón en pantalla, saberemos o título, quen a canta e poderemos agregala a unha lista. A marca traballa tamén nun sistema de Intelixencia Artificial que nos permitirá comunicarnos co noso coche exactamente igual a como o facemos xa con outros dispositivos. Os fabricantes de automóbiles cargan cada vez máis de sistemas intelixentes e tecnoloxía nos seus modelos, mentres os desenvolvementos sobre o coche do futuro e autoconducido se van acelerando con firmas como Tesla ou Google como punta de lanza desta innovación que ten por agora máis futuro que presente.

Intelixencia Artificial para todo

A intelixencia artificial estende os seus tentáculos a todas as áreas e empeza a chegar aos móbiles. Para facelos, se cabe, máis «listos». Os novos procesadores, moitos deles capaces de computar a base de redes neuronais, achegan agora intelixencia extra a cada dispositivo. Ou mellor dito, a capacidade para que cada dispositivo sexa intelixente. A forma en que se aplique esa capacidade depende do que queira desenvolver cada unha das marcas. Algunhas, como vimos, optan polas capacidades fotográficas das súas terminais, outras apostan polo rendemento, ou por fortalecer determinadas prestacións. É o que se deu en chamar a «barra libre» da intelixencia artificial.

(Fonte: ABC)