Telefónica supera as 2000 propostas de 'start-ups' no plan Wayra

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Telefónica superou xa as 2000 propostas de start-ups no seu proxecto de investimento Wayra. A operadora fixo a selección en Colombia, España e México. Os procesos están abertos en Arxentina e Perú, e nas próximas semanas empezarán en Brasil, Venezuela e Chile.
 
O proxecto Wayra, lanzado por Telefónica para impulsar os proxectos empresariais no mundo da tecnoloxía e as telecomunicacións en España e Latinoamérica, segue o seu avance. A operadora recibiu xa máis de 2000 propostas de start-ups onde o plan empezou a rodar, segundo asegurou a pasada semana José María Álvarez-Pallete, presidente de Telefónica Latinoamérica.
 
O proceso de selección de proxectos dentro de Wayra, que significa vento no idioma quechua, xa se pechou en Colombia, España e México, e está aberto en Arxentina, até o 4 de setembro (a empresa abriu a convocatoria arxentina ás iniciativas en Uruguai), e Perú, até o 27 do mesmo mes. A intención da operadora española é abrir posteriormente os procesos en Brasil, o maior mercado latinoamericano, Venezuela e Chile.
 
A compañía prevé que, dentro do plan Wayra, se impulsarán ao redor dun cento de ideas de negocio cada ano, aínda que Álvarez-Pallete asegurou que o número de proxectos empresariais podería chegar a 200 se en cada país se fai unha convocatoria cada semestre.
 
581 iniciativas en España
 
Dentro dos países onde a primeira convocatoria de Wayra xa se pechou, Colombia recibiu 500 propostas de start-ups, por 387 solicitudes en México e 581 iniciativas en España.
 
A convocatoria española cumpriu o seu proceso de selección no mes de xullo. Os responsables de Wayra preseleccionaron un total de 30 proxectos, dos cales se elixiron 10 durante a denominada WayraWeek, celebrada no seo da Campus Party. Finalmente, os proxectos empresariais seleccionados en España foron Clipbook, Emtrics, Impok, Mira Musei, MobileHome, Noruen-Persoal Shopper, pHome, Sezion, TEDcast e Valioo. O proceso de elección de start-ups en Colombia e México foi o mesmo.
 
Os responsables de Telefónica reiteraron que Wayra vai ser un acelerador de ideas de negocios vinculados ao mundo da tecnoloxía en España e América Latina, ademais de converterse nun instrumento para evitar que o talento local deba buscar oportunidades fóra do seu país. Neste sentido, o programa posto en marcha pola operadora establece que os proxectos seleccionados recibirán un financiamento entre 21.000 e 49.000 euros durante o seis primeiros meses en función da valoración do plan polo seu nivel de maduración e necesidade.
 
A empresa articula o conxunto do programa
 
Dentro da configuración do programa Wayra, Telefónica está a buscar talentos a través de iniciativas como a Campus Party e a Rede Innova. Posteriormente, dentro dunha iniciativa bautizada como Prometea, as propostas seleccionadas serán dotadas de tecnoloxía coa que desenvolver os seus traballos.
 
Ademais, Wayra inclúe a creación dun fondo de capital risco, bautizado como Amérigo, que ten como obxectivo financiar estes proxectos nos países da zona onde Telefónica ten presenza.
 
Para articular todo o programa, Telefónica creou a filial Wayra Investigación e Desenvolvemento, SL. Esta división, que colga de Telefónica Internacional, constituíuse en holding doutras filiais creadas con ese obxectivo nos países cubertos por Wayra.
 
(Fonte: Cinco Días)