Telefónica e IBM lanzan "cloud garden" para a dixitalización de empresas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Blockchain, intelixencia artificial, cloud híbrida... As tecnoloxías necesarias para impulsar a dixitalización das empresas en pleno século XXI non paran de actualizarse, cambiar, reformarse. Estar ao día de todos eses cambios faise unha tarefa inabarcable para a maioría das empresas.

Conscientes desa realidade dous colosos da tecnoloxía en España, Telefónica e IBM, uníronse para dar vida a "cloud garden". Un servizo de tecnoloxías na nube que pon a disposición de todas as empresas a opción de acceder ás novidades de última xeración na modalidade de pagamento por uso. É dicir, sen ter que investir grandes cantidades de diñeiro en desenvolvementos previos.

"A finalidade de cloud garden é dotar ás compañías, independentemente do seu tamaño, dunha ferramenta que lles permita ser máis rápidos nos seus procesos, ter máis flexibilidade para modernizarse", explicou Mª Jesús Almanzor, conselleira delegada de Telefónica no acto de presentación da plataforma.

Cloud garden é unha plataforma en nube que conta coas últimas tecnoloxías de IBM en cloud híbrida, intelixencia artificial e blockchain, que se ofrecerá nun ámbito de comunicacións "ultrarrápidas", cos maiores estándares de seguridade do mercado e cunha estratexia común arredor das plataformas abertas, híbridas e multicloud, segundo explicaron ambas as dúas compañías.

Estratexia

Terán acceso a ela todas as empresas con actividade en España e que conten con polo menos 50 empregados. Tamén está previsto que o servizo estea dispoñible para pemes máis pequenas pero iso será nunha segunda etapa.

Neste sentido, afirman que cloud garden permitirá ás empresas desenvolver aplicacións avanzadas e casos de uso innovadores, como incorporar capacidades de IA a calquera proceso, crear novas canles de comunicación con solucións de chatbot como Aura e as baseadas en Watson Assistant, predicir e planificar cambios na demanda dos clientes e capacitar os seus profesionais para tomar decisións baseadas nun uso eficaz dos datos.

Alianza

Marta Martínez, presidenta de IBM España, Portugal, Grecia e Israel asegurou que "cloud garden é a plataforma máis avanzada" de nube pública que existe en España e supón unha aposta fundamental para axudar ás empresas españolas a abordar a súa transformación dixital, que, na súa opinión, entrou nun segundo capítulo".

E é que ata agora, a conciencia empresarial de que o futuro está na nube aínda é escasa. As empresas traspasaron un 20% das súas cargas á nube, "pero ningunha delas crítica", confirmou Martínez, por outro lado "só o 4% fai proxectos de intelixencia artificial". "Con estes datos queda moito camiño por percorrer e as empresas necesitan unha arquitectura sólida multicloud con sistemas abertos nos que se poidan meter novas tecnoloxías as que coñecemos agora e as que irán chegando nos próximos anos".

Esta alianza con IBM reforza a aposta lanzada por Telefónica hai uns meses cando lanzou Telefónica Empresas, liña que xa conta con 600 clientes entre grandes e medianas empresas e administracións públicas.

(Fonte: La Vanguardia)