A implantación de dous xigantes do sector aeronáutico como a brasileira Embraer en Portugal (en Évora) e a canadense Bombardier en Marrocos animou a oito empresas galegas do automóbil e a metalurxia, entre as que se atopa a empresa de Tecnópole Hispamoldes, a fundar unha nova firma aeronáutica para aproveitar esta oportunidade de negocio.
Egatel estará presente unha vez máis na próxima edición da feira BroadcastAsia, que terá lugar do 19 ao 22 de xuño en Suntec (Singapur), co obxectivo de reforzar a súa presenza no Mercado asiático.
Parque Tecnolóxico de Galicia vén de renovar a súa adhesión ao sistema europeo de xestión e auditoría ambiental (Regulamento EMAS), un procedemento voluntario que acredita unha xestión excelente das políticas de protección do medio ambiente e que esixe a superación de estritos controis cada tres anos, trámite que a Tecnópole acaba de pasar hai dúas semanas con éxito.
Parque Tecnolóxico de Galicia celebra o Día Mundial do Medio Ambiente convocando a terceira edición do seu Concurso Fotográfico 'Tecnoambiental', aberto á participación de todos os traballadores das empresas e centros tecnolóxicos de Tecnópole ata o 22 de xuño e que este ano suma á categoría de mellor foto a de mellor vídeo.
A Universidade de Vigo acaba de lanzar a convocatoria para a asignación de espazos na preincubadora de empresas de base tecnolóxica de Tecnópole, un espazo habilitado grazas á colaboración de ambas as dúas entidades e destinado ao desenvolvemento de iniciativas de base científico-tecnolóxica por parte da comunidade universitaria.
Os alumnos dos dous grupos da segunda edición do Programa 'Xestión e Desenvolvemento de Novos Produtos' da universidade corporativa do Clúster de Empresas de automoción de Galicia (CEAGA) contan con novas instalacións formativas en Ourense.
O director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, destacou o pasado venres o éxito dos 'Espectáculos de ciencia' organizados por Tecnópole e que esa mañá celebraron a súa última sesión despois de percorrer toda Galicia durante os catro últimos meses. En total, foron 60 representacións que permitiron a esta iniciativa de divulgación científica achegar coñecementos e espertar o espírito innovador en 8000 estudantes en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra.
O próximo martes 12 de xuño terá lugar en Tecnópole unha xornada gratuíta sobre divulgación tributaria impartida por Javier Gómez Taboada, avogado tributarista e director en Galicia de Ernst & Young Abogados. Nela abordaranse principalmente as numerosas e moi relevantes novidades fiscais que se produciron ao longo dos últimos meses.
A revista Actualidade Económica entregou recentemente en Madrid os seus premios ás 100 ideas máis innovadoras do ano. Entre as empresas galardoadas atópase a galega Contact Comunicación, situada en Tecnópole.
As empresas de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole conseguiron incrementar o seu volume de negocio en 44,1 millóns de euros durante o ano 2011 sobre o exercicio anterior. A facturación total pasou dos 170,8 millóns contabilizados ao peche de 2010 aos 214,9 millóns rexistrados en 2011, o que supón un aumento do 25,7%.