Tecnópole e a Xunta de Galicia forman na aceleradora Connect-19 a pemes que poidan contribuír a mitigar as consecuencias da crise sanitaria

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnópole e a Xunta de Galicia puxeron en marcha o programa Connect-19 para impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de pemes galegas que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola COVID-19. No marco deste programa desenvolvéronse unha serie de actividades formativas online. Esta oferta formativa estivo aberta a calquera persoa interesada, non soamente ás vinte empresas que participan no programa de aceleración.

O primeiro dos bloques formativo estivo centrado na comercialización, co obxectivo de que as empresas participantes implementen melloras que lles fagan aumentar as súas vendas ou conseguir os seus primeiros clientes, no caso de que aínda non comercializasen os seus produtos. O segundo tratou sobre marketing e posicionamento e ofreceu as claves sobre como fundamentar o modelo de negocio, elixir as canles de distribución ou definir a estratexia dixital dos produtos e servizos contra a COVID-19.

Solucións innovadoras contra a COVID-19

A aceleradora púxose en marcha no mes de xullo e conta coa participación de 20 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. Búscase que acaden os instrumentos necesarios para adaptar as súas solucións ás novas situacións do mercado, fortalecer o seu posicionamento innovador, impulsar a comercialización e o acceso a mercados exteriores e obter financiamento público-privado.

Entre os proxectos que se están acelerando están produtos como máscaras infantís biodegradables feitas con fibras vexetais, puntos de control de acceso e de temperatura, sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos con drons, un kit sensorial para a detección precoz da COVID-19, ingredientes cosméticos con capacidade antiviral, unha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outras.

Durante cinco meses as vinte empresas beneficiarias están recibindo asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, así como apoio na captación de financiamento, a través dunha folla de ruta personalizada enfocada a fortalecer o acceso ao mercado de cada un dos proxectos.

Fonte: Tecnópole