Tecnópole súmase ao servizo de información Canle Orama para smartphones

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole incorporou a ferramenta Canle Orama, desenvolvida pola empresa Contact Comunicación, aos seus protocolos de difusión de eventos. Mediante esta aplicación gratuíta, específica para smartphones, ofrécese ao usuario toda a información relacionada coas actividades ao tempo que se vincula ao seu lugar de celebración.

Esta ferramenta foi presentada a semana pasada na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entidade que se sumou tamén ao uso da canle.

Durante a presentación, o presidente da CEO, Francisco Rodríguez, destacou que o número de usuarios de aplicacións para smartphones se duplicou en España en só 9 meses, pasando dos 6 millóns en xaneiro deste ano aos 12 actuais; ou que as descargas diarias superan os 2,7 millóns só en España, que é o segundo maior parque europeo destes dispositivos despois do Reino Unido.

"Dende o ámbito empresarial, a boa saúde do sector queda reflectida no dato de que o 88% das empresas españolas que se dedican ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles afirma estar a crecer en 2012. Trátase dun rexistro imposible, mesmo nos bos tempos, para calquera sector da economía tradicional,", sinalou Rodríguez.

Xunto con Tecnópole e a CEO, usan xa esta aplicación o Centro Dramático Galego, o Centro Galego de Arte Contemporáneo, Compostela Sociocultural, Culturgal, o Auditorio de Galicia, o Concello de Santiago e, no ámbito da provincia de Ourense, o Concello de Ourense, o Festival de Cinema Internacional, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e o Centro Comercial Ponte Vella.

César González, de Contact Comunicación, empresa situada no viveiro de Tecnópole, encargouse de realizar a demostración práctica de como funciona a aplicación, que se descarga gratuitamente ao entrar na web canalorama.com. A ferramenta, deseñada tanto para iPhone como para Android, só require ter unha conta de correo electrónico e acceso a Internet.

González explicou que para visualizar os datos existen dúas posibilidades: ou ben acceder a eles segundo o tipo de evento que se busca nun menú onde figuran seccións como conferencias, exposicións, teatro, cinema, etc, ou ben naveganado a través dun mapa no que se elixe unha cidade concreta para coñecer a súa oferta de actividades. Tamén se poden descargar da web os códigos QR, de resposta rápida, nos que se almacena toda a información de cada acto, ou acceder mediante a opción de "realidade aumentada" destes dispositivos. En calquera das súas modalidades, o uso de Canle Orama non ten custo, nin tampouco restricións no número de consultas ou na súa duración.
Para o socio da empresa desenvolvedora da aplicación, factores como o aforro de custos, o beneficio ambiental ou a desactualización deste tipo de información foron factores decisivos para desenvolver esta ferramenta coa axuda da Universidade de Vigo.

En moi pouco tempo, esta empresa posicionouse con forza nun emerxente negocio no que as multinacionais rivalizan co talento de miles de novos creadores. Contact Comunicación obtivo o Premio INEO á Mellor Aplicación TIC en 2011 e foi finalista nos Premios Innova-G 2011 á mellor aplicación para dispositivos móbiles. Tamén foi premiada por Actualidade Económica dentro da súa convocatoria para seleccionar as "100 Mellores Ideas de negocio de todo o país.

Apoio de Tecnópole

Beatriz Monfort, do Departamento de Proxectos de Tecnópole, mostrouse moi satisfeita de que iniciativas como esta xurdan no Parque Tecnolóxico, pois "é un exemplo claro do modelo de negocio que Tecnópole impulsa e apoia dende a súa sociedade xestora: unha iniciativa de emprendemento innovador que se apoia na transferencia de tecnoloxía dende centros de coñecemento -como a universidade neste caso- e que buscou de xeito moi intelixente o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que nos fan a vida máis doada, como é o caso de Orama".

A representante de Tecnópole na presentación recordou tamén que unha de cada tres empresas instaladas no parque pertencen ao sector TIC, "cuxo avance é imprescindible para o avance da innovación aberta, un concepto no que agora mesmo estamos inmersos a través dun proxecto que se denomina '5 sentidos para innovar' e no que queremos involucrar a todas as nosas empresas".

(Fonte: CEO e Tecnópole)