Tecnópole participa no Día Europeo da Cooperación expoñendo os resultados do proxecto ER-INNOVA

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole participou a pasada semana no Seminario de Difusión de Resultados de Proxectos do Eixe 1 Competitividade e Emprego, celebrado en Braga (Portugal) con motivo do Día Europeo da Cooperación. Parque Tecnolóxico de Galicia presentou os resultados do proxecto transfronteirizo ER-INNOVA, no que actuou como coordinador en calidade de xefe de fila.

O evento foi organizado polo Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) no Laboratorio Ibérico Internacional de nanotecnoloxía (INL). O obxectivo deste seminario foi difundir e capitalizar os resultados alcanzados a través dunha mostra dos 31 proxectos aprobados na primeira convocatoria do POCTEP.

O proxecto ER-INNOVA materializouse nun programa piloto de implantación de ferramentas de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) en aproximadamente un centenar de pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A implantación destas ferramentas -un ERP (sistema de xestión de recursos empresariais) específico e un portal web dotado de mercado virtual e servizo de facturación electrónica- nas pemes participantes durante a fase piloto e a súa posterior extensión a outras do sector ten como obxectivo mellorar a capacitación da rede empresarial da Eurorrexión para gañar en competitividade e albergar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras de carácter cooperativo.

O proxecto levouse a cabo grazas ao cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, concretamente no eixe de actuación correspondente ao fomento da competitividade e a promoción do emprego. O seu financiamento total ascendeu a 931.693,68 €, dos que o 75% procedeu dos FEDER.

O partenariado estivo formado por tres socios galegos e un portugués: Tecnópole como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnoloxias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).

(Fonte: Tecnópole)