Tecnópole organiza un almorzo tecnolóxico sobre facturación electrónica no marco do proxecto europeo ER-INNOVA

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole organiza o próximo 10 de novembro, no marco do proxecto europeo ER-INNOVA, un almorzo tecnolóxico dirixido a empresas do sector das enerxías renovables baixo o lema 'Mellora a túa actividade empresarial. Factura electronicamente'. O encontro terá lugar ás 10.30 no Edificio CEI e a asistencia é gratuíta, logo de inscrición.
 
O proxecto ER-INNOVA, do que Tecnópole é xefe de fila, atópase na súa fase final de execución, coa prioridade de difundir entre pemes e entidades empresariais do sector das enerxías renovables as ferramentas de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) desenvolvidas durante os dous anos que leva en vigor.
 
ER-INNOVA é unha iniciativa transfronteiriza que se materializou nun programa piloto de implantación destas ferramentas TIC en aproximadamente un centenar de pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e continúa a súa expansión.
 
A promoción da facturación electrónica entre as empresas do sector como baza competitiva está presente nas dúas ferramentas deseñadas no marco do proxecto, que se entregarán e explicarán aos asistentes ao almorzo tecnolóxico. Trátase dun portal web dotado de mercado virtual e servizo de facturación electrónica e dun ERP (sistema de xestión de recursos empresariais) específico tamén dotado cun módulo de emisión de facturas electrónicas.
 
Proxecto FEDER
 
O proxecto estase a levar a cabo grazas ao cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, concretamente no eixe de actuación correspondente ao fomento da competitividade e a promoción do emprego. O seu financiamento total ascendeu a 931.693,68 €, dos que o 75% procedeu dos FEDER.
 
O partenariado está formado por Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).
 
O próximo 25 de novembro terá lugar un segundo almorzo tecnolóxico para afondar en todos os módulos do ERP desenvolvido no marco do proxecto, deseñado para modernizar os procesos e permitir unha xestión integral na empresa.
 
(Fonte: Tecnópole)