Tecnópole organiza 'Espectáculos de ciencia' para 8000 estudantes por toda Galicia durante os próximos catro meses

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Preto de 8000 estudantes en total participarán nos 'Espectáculos de ciencia' que Tecnópole organizará por toda Galicia durante os próximos catro meses. O primeiro deles, titulado 'Ciencia ou ficción', comezou este mércores en Ourense con dúas sesións e repetirase os próximos días en Lugo, Santiago, A Coruña e Pontevedra.
 
Ata o mes de maio celebraranse outros tres espectáculos diferentes que tamén viaxarán a Ferrol e Vigo, todos eles financiados pola Consellería de Economía e Industria e da Fundación Barrié.
 
As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes. O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia do xeito máis didáctico e ameno aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos rapaces e rapazas, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
 
Ciencia ou ficción
 
A primeira actividade permitiu a 300 estudantes ourensáns explorar os vínculos entre a ciencia e a ficción a través do visionado de fragmentos de películas e a realización de experimentos cos que abordaron unha análise crítica do que vemos no cinema. A través de secuencias de filmes como 'Mars Attacks', 'Tiburón' ou clásicos como 'A Guerra das Galaxias' e 'O sabuxo dos Baskerville'' os asistentes puideron concluír por eles mesmos que acontece detrás e diante das cámaras para recrear o mundo de fantasía que mostra a pantalla.
 
Outros tantos estudantes vivirán esta experiencia o xoves en Lugo, o venres en Santiago de Compostela e, a semana que vén, o xoves na Coruña e o venres en Pontevedra.
 
Esta é a primeira dunha serie de actividades deseñadas especialmente para conmemorar o 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se estenderán ao longo de todo o ano. Á marxe de diversas iniciativas dirixidas especificamente ao tecido empresarial e a todo o Sistema Galego de Innovación, esta programación inclúe un congreso de mentes innovadoras que coincidirá co mes no que se cumpren exactamente os vinte anos de actividade (outubro).
 
(Fonte: Tecnópole)