Tecnópole manterá aberta ata finais de ano a exposición fotográfica que percorre os seus 20 anos de traxectoria en imaxes

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As dúas décadas de traxectoria e o presente de Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia están expostos desde o pasado venres no edificio central da entidade a través dunha exposición de fotografía que permanecerá aberta ata finais de ano.

A mostra foi inaugurada nun acto que contou coa presenza dos empresarios e emprendedores que desenvolven a súa actividade no recinto, ademais do delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; o subdelegado do Goberno central, Roberto Castro; e a secretaria da Cámara de Comercio de Ourense, Victoria Rois.
 
Trátase dun total de 45 de documentos gráficos que, en primeiro lugar, repasan os acontecementos institucionais máis importantes rexistrados na historia do Parque Tecnolóxico de Galicia e comparan os inicios do recinto co seu estado actual.

A segunda parte mostra a realidade da actividade que se desenvolve hoxe en día nas empresas e centros tecnolóxicos de Tecnópole a través dunha vintena de imaxes nas que os protagonistas son os profesionais que cada día desenvolven alí o seu labor. Fotografías individuais dunha parte importante dos empresarios e imaxes de grupo dos emprendedores que traballan nas incubadoras do Parque Tecnolóxico de Galicia configuran esta parte da mostra.

A exposición permanecerá aberta na planta baixa do Edificio CEI ata decembro, momento no que se clausurarán as actividades conmemorativas do vixésimo aniversario de Tecnópole. Precisamente, en relación ao evento que se celebrará o 5 de outubro para conmemorar a data exacta de creación do Parque Tecnolóxico de Galicia, os asistentes á inauguración da exposición fotográfica puideron explotar globos colocados nun mural que contiñan mensaxes relacionadas coa efeméride e que, nalgúns casos, ían acompañados de regalos corporativos.
 
Pódese realizar un percorrido virtual polas fotos da exposición en Flickr.

(Fonte: Tecnópole)