Tecnópole intégrase na rede de viveiros de empresas tecnolóxicas e innovadoras de Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, xunto con outras cinco entidades, entre as que figura Tecnópole, constituíron o pasado mércores unha rede de incubadoras de empresas tecnolóxicas e innovadoras de Galicia (Redincuba).
 
No acto de presentación, que tivo lugar no edificio Emprendia da USC, o reitor compostelán e presidente da rede, Juan Casares Long, resaltou que o organismo "nace para mellorar os procesos de transferencia de coñecemento e para consolidar postos de emprego cualificado". Casares incidiu na "necesidade de dinamizar a actividade económica" e animou ás institucións a "traballar conxuntamente buscando a cooperación".
 
Na súa intervención, o reitor compostelán remarcou a importancia dos viveiros de empresas "como ferramentas útiles para crear un tecido produtivo competitivo". "Redincuba nace nun marco no que o 91% dos proxectos que contan co apoio de incubadoras continúa competindo no mercado fronte ao 50% de empresas que o fai sen a axuda destes mecanismos", recalcou.
 
Ademais, Casares asegurou que a comunidade fomentará o 'benchmarking' entre as incubadoras e que traballará na creación de redes de expertos que permitan ofrecer servizos avanzados en consultoría de empresas. Así, segundo Casares, Redincuba "tamén porá atención a potenciar e reclamar os organismos competentes a promoción, a creación e o mantemento de novas incubadoras empresariais".
 
Actualmente, Redincuba está conformada, ademais de polas tres universidades, por Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, a Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi), a Fundación CEL, o Centro de Empresas e Innovación CEI-Nodus de Lugo e o Centro de Iniciativa Empresarial A Granxa do Consorcio Zona Franca de Vigo. Nos próximos meses, segundo comunicou o reitor da USC, novas entidades integraranse no ente, como a Fundación Empresa-Universidade Galega e diferentes Cámaras do Comercio de Galicia.
 
Arroupar os emprendedores
 
Pola súa parte, o reitor da Universidade de Vigo e vicepresidente primeiro de Redincuba, Salustiano Mato, recordou o papel destas institucións académicas "á hora de iluminar o coñecemento e arroupar as ideas dos emprendedores para que se convertan en realidade".
 
Neste sentido, Mato asegurou que as incubadoras de empresas "deben dar un salto cualitativo e deixar de ser simples refuxios para pasar a dar un valor engadido ás ideas das empresas que saen a competir ao mercado".
 
O terceiro dos reitores, José María Barja, en calidade de vicepresidente terceiro de Redincuba, apuntou que os emprendedores supoñen "unha peza clave para estimular o emprego nun contexto de contracción dos presupostos públicos". Barja puxo en valor o viveiro de empresas impulsado pola UdC, no que xa se incubaron 40 empresas nos sete anos que leva operativo.
 
"Redincuba vai permitir compartir experiencias e facilitar sinerxías con iniciativas do ámbito público ou privado", recalcou. Por último, Barja asegurou que a rede "abrirá novas oportunidades ás universidades para canalizar novas iniciativas empresariais e potenciar o servizo e axudas que se lles poida prestar".
 
(Fonte: 20minutos)