Tecnópole emprende un proxecto dixital para conectar as súas empresas entre elas e coas de toda Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Tecnópole acaba de emprender un proxecto dixital que ten como principal obxectivo incrementar a competitividade das súas empresas mediante a innovación aberta. A entidade deseñou un punto de encontro virtual aloxado no portal web www.5sentidosparainnovar.com no que as empresas e centros de coñecemento de Tecnópole poderán interrelacionarse entre eles e con empresas de toda Galicia.

Esta ferramenta acaba de ser presentada aos empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia no marco da dinámica iniciada o pasado mes de outubro cun novidoso encontro profesional baseado en fomentar a innovación aberta mediante estímulos sensoriais. A intención é xerar nos empresarios unha actitude aberta que os conduza a unha reflexión sobre as súas formulacións actuais e sobre a oportunidade de crear novos modelos de negocio baseados na cooperación.

Tanto o encontro empresarial como o novo portal web mereceron o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), que seleccionou o proxecto '5 sentidos para innovar' como acción subvencionable no marco do seu Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.

Este proxecto, que se iniciou en Tecnópole coa intención de estenderse en 2013 a toda Galicia, busca que os empresarios se introduzan na lóxica da innovación aberta, coa que os procesos de innovación saen dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración, é dicir, fai posible que a innovación proceda de fóra da organización (de clientes, provedores, etc.). En concreto, o portal www.5sentidosparainnovar.com está deseñado para favorecer a interrelación e o desenvolvemento de negocio entre as empresas e os centros de coñecemento de Tecnópole, e destas coas de toda Galicia.

Intercambio de coñecemento e solucións

A web foi deseñada, en primeiro lugar, para servir de soporte ao coñecemento mutuo sobre a actividade das empresas. Por este motivo, na sección dedicada ao oído os empresarios contan que tipo de actividade desenvolven e que é o que as diferencia. Para identificar oportunidades de proxectos en común, atopar posibilidades de intercambio de coñecemento e buscar solucións tecnolóxicas a problemas concretos, Tecnópole pediulles suxestións aos empresarios co obxectivo de que a sección do olfacto sirva o mellor posible a este propósito, polo que as súas utilidades definitivas serán deseñadas con base nas súas demandas.

No apartado dedicado ao tacto darase acceso ás reflexións de expertos sobre experiencias de innovación aberta e os seus resultados, coa posibilidade de que os empresarios participen coas súas propias ideas. Isto compleméntase coas "receitas" empresariais achegadas por profesionais de diferentes ámbitos que se ofrecen na sección do gusto.

A sección da vista mostrará fotografías e vídeos dos encontros empresariais que se celebren no marco do proxecto e un último apartado servirá como espazo de encontro virtual para lanzar retos tecnolóxicos, ofertar solucións innovadoras, compartir ideas de proxectos que precisen a colaboración de varios socios, etc.

Ademais, o portal integrará as principais redes sociais (Twitter, Linkedin, Pinterest e Facebook) para facilitar a participación dos empresarios que xa sexan activos nalgunha destas aplicacións.

Experiencias de éxito

Durante o encontro celebrado esta mañá foi presentada tamén a publicación dixital "Tecnópole. Iniciativas con valor", na que se recolle a descrición da actividade innovadora de quince empresas e centros de coñecemento do Parque Tecnolóxico de Galicia e que se irá completando paulatinamente con contido relativo ás demais instaladas no recinto.

Ambas as dúas ferramentas, tanto a plataforma web como a publicación, responden á demanda das empresas de Tecnópole dunha intensificación do labor da sociedade xestora no que se refire ao fomento do coñecemento e a interrelación entre elas e con outras do exterior.

(Fonte: Tecnópole)