Tecnópole e Egatel inician a fase de validación dunha innovadora plataforma de sistemas de telecontrol e xestión das zonas de rego agrícola

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Tras tres anos de intenso traballo, o proxecto IoT@AS (Internet of Things & AgroSpaces), liderado por Egatel e xestionado co apoio de Tecnópole, inicia a fase de validación dunha innovadora plataforma aberta e intelixente para sistemas de telecontrol e xestión das zonas de rego agrícola, que resolve as problemáticas de interoperabilidade, eficiencia e conectividade dos sistemas existentes.

Neste proxecto colaboraron cinco empresas españolas (Egatel, Odin Solutions, Isotron, Integrasys e Tragsa), co apoio financeiro do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) a través do programa Feder-Innterconecta.

As solucións obtidas aplican novas tecnoloxías de comunicacións -incluíndo a internet das cousas (IoT)- e protocolos interoperables e de baixo custo de produción á xestión integral e eficiente da auga e a enerxía en ámbitos agrícolas. As súas zonas obxectivo son Galicia, Andalucía e Murcia, aínda que se formula que as solucións innovadoras poidan ser implantables no resto de España e comercializables a nivel internacional.

Recentemente, a plataforma presentouse á Comunidade de Regantes de Genil-Cabra, en Córdoba, na que se realizaron con éxito as primeiras probas de campo. Esta comunidade, integrada por 2000 comuneiros, interesouse sobre todo pola interoperabilidade que proporciona a plataforma grazas, entre outros factores, á conectividade satélite para o control de bombeo dende estacións sen outro tipo de cobertura.

Ata o próximo mes de xuño, realizaranse novas probas de campo na Comunidade de Regantes de Valle Inferior (Sevilla), para validar as solucións resultantes do proxecto e seguir estudando a súa adaptabilidade ás necesidades de cada comunidade.
Necesidade de modernización

A agricultura é un dos sectores económicos e sociais máis importantes de España -onde concentra máis do 8% do PIB- ao igual que de Europa e a maioría dos países de América, Asia ou África. De aí a necesidade de contar con solucións innovadoras que permitan unha xestión eficiente da auga para regadío, capaz de facer fronte a factores como o cambio climático e a sustentabilidade.

O proxecto IoT@AS naceu en 2016 a partir da constatación de que as solucións tecnolóxicas actuais non cobren integramente as necesidades das comunidades de regantes e limitan as súas capacidades, ao non permitir unha xestión conxunta da auga e a enerxía.

A través das solucións obtidas, enmarcadas no reto da agricultura intelixente, conséguese a homoxeneización do funcionamento dos diferentes sistemas de regadío, a implantación de tecnoloxías que permiten monitorizalos para recoller datos en tempo real para mellorar a toma de decisións e a xestión remota mediante tecnoloxías sen fíos.

(Fonte: proxecto IoT@AS)