Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- aumenta a súa nómina de empresas coa incorporación de tres novas iniciativas de negocio á súa incubadora principal, o Centro de Empresas e Innovación (CEI), segundo autorizou o Consello de Administración da entidade na reunión celebrada o pasado venres en Ourense.
Backtoreality SL é unha empresa de nova creación especializada no desenvolvemento, produción e comercialización de uniformes de protección persoal (contra o lume, impactos, ácidos, balística, etc.) con marca propia e con base en tecidos técnicos certificados. Co proxecto 'Protectextiles' pretende desenvolver diferentes tecnoloxías e melloras de procesos, tanto no uso de novas composicións de materiais e fíos, coma en tecidos específicos, acabados especiais, deseños e confeccións ergonómicas, coa finalidade de transferir á garantía resultante as propiedades innovadoras desexadas.
Os principais sectores aos que esta empresa dirixe os seus produtos son o da seguridade persoal, policías militares, bombeiros, petroquímica, automoción e equipos de protección de nova xeración en fase de I+D+I. Aínda que a comercialización está orientada a todo o mercado internacional, diríxese principalmente a mercados emerxentes como Brasil, Asia e o Oriente Medio.
Xunto con esta, o Consello de Administración autorizou a instalación no Centro de Innovación e Empresas de dúas consultoras: Advanced Innovation Consulting SL, de servizos de apoio á xestión da innovación, e Fomento e Gestión Local SL, dedicada ao desenvolvemento de aplicacións informáticas para a xestión administrativa dos concellos e a traballos de consultoría en proxectos relacionados coa cultura, o medio ambiente e o turismo, destinados ao sector terciario e á administración local.
Proxecto de ampliación
Os membros do Consello de Administración foron informados tamén sobre o estado do proxecto de ampliación da superficie de Tecnópole das 55 hectáreas actuais a 97. O proxecto de urbanización presentado no Concello de San Cibrao das Viñas foi aprobado e publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense o día 16 de maio, estando a punto de rematar o prazo de información pública.
Por outra banda, o Ministerio de Industria Turismo e Comercio, no marco da convocatoria de 2011 do Programa de reindustrialización, acaba de resolver a concesión dun empréstito de 300.000 euros para executar obras por importe de 600.000 euros ao longo deste ano.
Cátedra Tecnópole
Entre outros asuntos, os membros do Consello de Administración foron informados tamén sobre o traballo realizado este ano no marco da Cátedra Tecnópole, un programa desenvolvido en cooperación coa Universidade de Vigo para dinamizar e desenvolver proxectos conxuntos de I+D+i entre grupos de investigación universitarios e as empresas e institucións situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia.
Neste ano 2011 son 15 as empresas e centros que desenvolven proxectos no marco da Cátedra: Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, Contact Comunicación, Intellectia Bank, Kinétika Innovacións Estruturais, Telémaco, Redegal, Conexiona Telecom, Cis Madeira, Ideit, Enyiris, Limaia, Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, Egatel, Vicente Agromayor e Sonen. Catro delas contan xa con bolseiros da Universidade traballando nos seus proxectos, mentres que as outras se atopan á espera de alguén do perfil demandado.
O perfil do alumno que buscan as empresas é sobre todo estudantes de Informática -Técnica ou Superior-, aínda que tamén se solicitaron alumnos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos ou de Enxeñería Técnica Agrícola; Administración e Dirección de Empresas ou de Económicas; e de Enxeñería de Telecomunicación e de Ciencias Físicas.
(Fonte: Tecnópole)