Tecnópole e o consello Social da Universidade de Vigo inician unha nova liña de colaboración en divulgación científica

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e o consello Social da Universidade de Vigo iniciaron unha nova liña de colaboración para levar a cabo iniciativas conxuntas de divulgación científica entre os máis novos. A posta en marcha desta alianza escenificouse co lanzamento dun globo estratosférico por parte dos alumnos das Aulas Tecnópole, ao que asistiron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conselleira delegada de Parque Tecnolóxico de Galicia, Patricia Argerey; o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa; e o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla.

Esta nova liña de colaboración busca explorar e aproveitar as sinerxías entre ambas as dúas entidades nun ámbito no que comparten misión: achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos para incentivar habilidades e fomentar vocación nestes campos. Tecnópole vén realizando un labor intensivo neste campo dende os seus inicios e cunha especial intensidade nos últimos 14 anos, nos que vén celebrando unha feira científica para escolares que xa se converteu nunha referencia dentro e fóra de Galicia, grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Ademais, Parque Tecnolóxico de Galicia organiza dende 2009 un programa de capacitación de escolares en habilidades innovadoras, as Aulas Tecnópole, que posteriormente se complementou cunha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa e que leva o nome de STEAM Kids Tecnópole. En ambos os dous casos, consiste en que un grupo reducido de alumnos e alumnas acudan unha tarde por semana a Tecnópole para levar a cabo pequenas investigacións, construír robots programables, aprender a programar, deseñar instalacións artísticas de base tecnolóxica, superar retos interdisciplinares e descubrir a maxia das matemáticas. Isto complétase coa organización todos os veráns do único campamento tecnolóxico que se celebra en Galicia, os Tecnópole Technological Workshops (T2W), que este ano terán lugar entre o 1 e o 12 de xullo.

O Consello Social ten entre as súas prioridades conectar cos futuros universitarios, levar coñecemento das aulas á sociedade, transferir innovación ás empresas e abrir espazos entre os investigadores e o mundo da comunicación. Neste escenario, a entidade estima que son moitos os puntos en común coas actividades de Tecnópole en materia de divulgación e fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos.

O punto de partida púxose no Parque Tecnolóxico de Galicia, coincidindo co último día de curso das Aulas Tecnópole. Tras recibir a visita dos representantes de GAIN, Tecnópole e Consello Social da Uvigo, os alumnos e alumnas explicaron e completaron un reto científico-tecnolóxico que consistiu no lanzamento dun globo á estratosfera.

(Fonte: Tecnópole)